130 nenos daranse cita en Salvaterra no I Encontro Provincial de menores dos centros de mediación social de Cruz Vermella
Cruz Vermella Xuventude en Pontevedra organiza este sábado 25 de maio no parque A Canuda en Salvaterra do Miño o primeiro encontro provincial de menores participantes no proxecto de Centros de Mediación Social de Cruz Vermella Xuventude. No evento participarán máis de 160 persoas entre os 130 nenos e o equipo de 30 voluntarios da institución. Para o desenvolvemento do encontro contactamos coa colaboración do municipio de Salvaterra que nos facilitou o espazo no que se realizará e que conta cunhas inmellorables infraestruturas como son as do parque A Canuda.
Ao longo do día poderán gozar de diferentes actividades e xogos que o equipo de Cruz Vermella Xuventude estiveron preparando para eles, dende unha Ginkana inaugural, ata talleres de manualidades, cancións ou unha visita ás instalacións do parque.
A partir das 11:00h da mañá iranse concentrando na entrada principal e está previsto que entre as 11:30 e as 12:00 reciban a visita da do Alcalde, Arturo Grandal, do 1º Tenente Alcalde, Marta Valcárcel e da presidenta de Cruz Vermella na provincia de Pontevedra, Teresa Alvarez, que os acompañará neste día tan especial.
O obxectivo deste encontro é propiciar un espazo de ocio e diversión para estes menores e favorecer o coñecemento e intercambio entre todos os participantes no mesmo proxecto de Cruz Vermella na provincia de Pontevedra.
Estes nenos, con idades entre 6 e 12 anos, asisten habitualmente polas tardes ás actividades que Cruz Vermella desenvolve nas diferentes sedes coas que conta na provincia. Dende Villagarcía, A Garda, Vigo, Pontevedra ou a Estrada e Ponteareas participan no proxecto de Mediación Social no que se desenvolven accións socioeducativas con menores en dificultade social financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A participación dos voluntarios neste proxecto consiste na realización de talleres lúdico-educativos, de apoio escolar e educación en valores con menores en dificultade social. Todas estas accións encóntranse enmarcadas nas iniciativas que desenvolve Cruz Vermella Xuventude que é a asociación xuvenil de Cruz Vermello Español e que canaliza as accións dirixidas por mozos cara a este mesmo colectivo.