publicidade hoxe

A nova oficina de Correos do Burgo comezará a funcionar o próximo luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O próximo luns, día 3 de xuño, ás 9.00 horas, abrirá a nova oficina de Correos do Burgo, situada nun local da antiga Casa da Xuventude, cedido polo Concello de Culleredo á empresa postal. A apertura desta oficina foi longamente demandada pola asociación de veciños O Noso Burgo, pero Correos alegaba problemas económicos para aceptar esta petición. O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, reuniuse hai dous meses cos novos responsables de Correos e chegou a un acordo para a cesión deste local de propiedade municipal.

Despois de pequenas reformas efectuadas pola empresa no local, de 34 metros cadrados de superficie, os seus responsables comunicaron no día de hoxe ao alcalde a apertura da oficina do Burgo.

Esta oficina ofrecerá os mesmos servizos que a instalada en Vilaboa, noutro local do Concello de Culleredo. Os seus horarios de apertura serán os seguintes:

– De luns a venres: de 9.00 a 14.00 horas

– Sábados: de 10.00 a 13.00 horas

Sacristán valora a rapidez nas obras e nos trámites levados a cabo por Correos para a apertura desta oficina. O goberno de Culleredo apunta que esta noticia responde a unha grande necesidade para os veciños do Burgo, que levaban case 13 anos esperando por unha oficina de
Correos, dende que desapareceu a instalada no Edificio de Servizos Múltiples.

O goberno local considera ademais que o local elixido ten unha situación moi boa, no centro do Burgo, o que favorecerá a mobilidade dos veciños. O acordo entre o Concello e Correos formalizouse coa firma dun convenio para a cesión do local. Esta prodúcese por un prazo de 12 anos, prorrogables ata un máximo de 24. Correos deberán satisfacer ao Concello un canon anual pola concesión de 600 euros.

31 de maio de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.