Xestión Ambiental de Contratas S.L. faise coa adxudicación das obras de rehabilitación do edificio anexo ao Pazo da Marquesa
A mesa de contratación reuniuse este venres pola mañá para resolver a última fase do concurso para a rehabilitación do edificio do antigo colexio das monxas. Despois de que o comité de expertos avaliase as propostas técnicas e tras abrir os sobres coas ofertas económicas, a mesa acordou adxudicarlle os traballos á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L. en algo menos de 259.000 euros.
A adxudicación é provisional, xa que agora a empresa terá cinco días de prazo para constituír os avais e para presentar a documentación xustificativa de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias.
XAC S.L. é unha firma creada en Vigo hai dúas décadas especializada en obra civil e pública que se impuxo coa súa oferta ás outras 16 candidatas que chegaron á fase final do proceso. En total sumou 83,71 puntos entre a proposta técnica e a económica, seis máis que as súas inmediatas competidoras, Proyecta S.L. e Copcisa, responsable esta última das obras de rehabilitación do pazo.
A empresa viguesa fixo unha oferta económica de 258.950,27 euros -ive incluído- e o compromiso de executar as obras nun prazo máximo de 90 días. A obra saiu a concurso con multiplicidade de criterios por importe de 345.728, de maneira que a oferta presentada pola adxudicataria provisional rebaixa o prezo de saída nun 25%.
Ademais, o prazo recollido na proposta tamén se axusta ás necesidades municipais xa que parte do financiamento da obra provén dun convenio asinado coa Deputación no que se estipula que os traballos deberán estar rematados no mes de setembro para poder percibir a axuda económica.
Tan pronto como a adxudicación sexa definitiva poderán comezar as obras para converter o edificio anexo ao pazo da marquesa nun centro de servizos. A intención do Concello é preparar a parte baixa para acoller no futuro unha escola infantil mentres que no primeiro andar se habilitará espazo para un centro de negocios con prezos asequibles e orientado ao emprendemento.











