Vilagarcía inicia o procedemento para licitar o quiosco-bar da praia de Compostela
O Concello vén de iniciar o procedemento para sacar a contratación o quiosco bar da praia Compostela de cara a temporada de verán. O departamento de Contratación xa rematou o prego de cláusulas que rexerán o concurso que se abrirá tras a publicación do anuncio no BOP e no DOG. O contrato establécese para o período do 1 de maio ata o 31 de outubro de 2013e prezo de saída que os interesados poden elevar nas súas propostas é de 300 euros mensuais.
O contrato de concesión administrativa para a explotación do denominado Pavillón de Servizo da praia Compostela para a súa utilización como quiosco bar adxudicarase por procedemento aberto. Nas cláusulas do prego establécese que o adxudicatario debe cumprir unha serie de requisitos como manter aberto o quiosco-bar os sete días da semana e cun horario mínimo e interrompido de 10:00 as 21:00 horas, que o concesionario poderá ampliar respectando os horarios legalmente fixados para a apertura e peche de este tipo de establecementos.
O adxudicatario tamén deberá permitir o libre e gratuíto acceso publico ós aseos do edificio durante o horario de funcionamento do local, así como manter os mesmos en condicións axeitadas de hixiene e limpeza, así como a colocación nos mesmos de papel hixiénico. O concesionario ten, así mesmo, a obriga da apertura e peche dos citados aseos, coincidindo co horario de apertura e peche do establecemento.
Ademais de aboar o canon mensual que se fixe na adxudicación, o concesionario terá que correr cos gastos de funcionamento do pavillón de servizos durante o prazo da concesión (electricidade, auga…). Tamén terá que afrontar os posibles danos que sufran as instalacións municipais e deberá ter subscrita unha póliza de seguro de responsabilidade civil e de accidentes que cubra posibles danos a terceiros, por un capital mínimo asegurado de 150.000,00 euros.
O concesionario terá que explotar directamente o servizo, polo que non se admiten arrendamentos a terceiros. Tamén será obrigatorio a acreditación de solvencia económica, técnica e profesional para facer fronte ás obrigacións resultantes da concesión.
O prazo de presentación de ofertas por parte dos interesados abrirase o día seguinte ao da publicación no último dos diarios oficiais. O anuncio xa foi remitido aos servizos de publicación dos boletíns, polo que se calcula que o procedemento poida iniciarse a finais deste mesmo mes. A partir de entón e segundo establece o prego, os concursantes disporán dun prazo de 15 días para presentar formalmente as súas proposicións. Estas presentaranse no Rexistro de Licitacións do Concello de Vilagarcía de Arousa. Os pregos que rexen a licitación atoparanse a disposición dos interesados no perfil do contratante do Concello de Vilagarcía de Arousa www.vilagarcia.es











