Vilagarcía informa da normativa nas zonas peonís e a obtención da tarxeta de residente
O Concello comezará a distribuír mañá un bando informativo sobre a normativa aplicable nas zonas peonís e illas de peóns en base a sobre a creación da tarxeta de residente coa que deberán contar os veciños destas zonas para poder acceder cos seus vehículos a elas á hora de realizar tarefas de carga e descarga ou de entrar e saír dos garaxes alí emprazados. Con este bando preténdese que os veciños, especialmente os afectados, estean ao corrente dos cambios e novidades introducidos coa revisión da Ordenanza Municipal de Circulación en vigor.
No bando especifícanse as rúas consideradas como peonís e se define o concepto de “illas de peóns” ou conxunto de rúas adxacentes coa mesma regulación de restrición de circulación para vehículos a motor e ciclomotores. Ademais de informar sobre as prohibicións, autorizacións e excepcións de circular a motor nestas zonas, así como dos horarios aplicables, no bando tamén se sinalan os puntos de acceso de entrada e saída ás rúas peonís e illas de peóns.
Obrigatoriedade da tarxeta para circular nos casos permitidos
A tarxeta de residente é outro dos puntos de interese para os veciños, especialmente para os que viven ou teñen comercios e propiedades nestas zonas. Para poder circular con vehículos de motor polas rúas peonís e illas de peóns nos casos previstos pola Ordenanza (acceso a garaxes, labores de carga e descarga…) será obrigatorio contar con este documento, que se pode tramitar ante o Concello presentando a correspondente solicitude no Rexistro Xeral. Os formularios pódense recoller no Concello, na Policía Local ou descargar dos taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es, onde tamén se poden consultar os requisitos e documentación necesaria para a súa tramitación.
Para facilitar o control do acceso de vehículos autorizados ás illas de peóns, establécense 9 zonas distintas, cada unha das cales contará cunha tarxeta identificativa diferenciada por cores. Cada tarxeta de residente será válida unicamente na zona para a que é emitida.
O bando exporase no Concello, nos edificios municipais e distribuirase por locais, portais e establecementos comerciais das rúas peonís. Tamén se pode consultar no taboleiro de anuncios da web municipal.
Buzoneo de polípticos
A información chegará tamén a cada un dos domicilios dos veciños residentes en zonas peonís xa que a campaña ampliarase nos vindeiros días co buzoneo dun políptico específico para que todos os veciños e propietarios das zonas afectadas teñan coñecemento das novidades introducidas tras a revisión da Ordenanza de Circulación.











