Vilagarcía conmemora o seu centenario coa obra de cámara “Ciclo de vellas estampas da Ría de Arousa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Unha data histórica como o cumprimento dos 100 anos da unión dos municipios de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril para a creación do Concello de Vilagarcía de Arousa merecía ter unha conmemoración musical tamén moi especial. Esta chega da man do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía que se suma aos actos conmemorativos do centenario agasallando á vila cunha composición en exclusiva coa que celebrar esta data. Trátase da obra de cámara “Ciclo de vellas estampas da Ría de Arousa” composta polo profesor Fernando Ruibal e que os alumnos do centro interpretarán mañá no Auditorio.

A estrea absoluta desta obra en tres tempos (un dedicado a cada unha da localidades que deron orixe á actual Vilagarcía de Arousa) será o broche de ouro do Concerto do Centenario que terá lugar o martes, 30 de abril, a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é libre e de balde.

Para compoñer “Ciclo de vellas estampas da Ría de Arousa”, o profesor Ruibal inspirouse no libro “A Vilagarcía das vellas postais”, do vilagarcián, Manuel Villaronga. O compositor quedouse con tres imaxes de principios de século de tres lugares moi representativos de Carril, Vilagarcía e Vilaxoán que son os que dan título a cada unha das tres pezas nas que se divide a obra.

A primeira delas “Cortegada” será interpretada polo dúo de trompa e piano que forman Sabela Crespo e Andrea Obenza. O tema “A ponte de ferro”, inspirada no antigo peirao de Vilagarcía a interpretará o trío para piano, bombardino e trombón composto por Cristina Gómez, Adrián Martínez e José Ramiro Pérez. Pecha o ciclo de estampas musicais “Piñeiros do Rial”, baseada nunha imaxe do esteiro de Vilaxoán, será interpretada polo dúo de Saxo e piano que compoñen Sara Magariños Cardama e Maritza Ruán López.

Fernando Ruibal explicou que a música desta obra “se basea nunha descrición conceptual e emocional do que transmiten en conxunto as diferentes estampas que quedaron para a posteridade, partindo dunha visión retrospectiva onde se fusionan unha linguaxe sonora fresca con elementos da música tradicional. Algo similar a contemplar o pasado cunha visión actual”. Cada unha das tres pezas ten un timbre diferente, xa que se compuxeron para grupos de cámara diferentes. O principal nexo de unión entre elas é o piano, presente nas tres,a demais doutros elementos musicais que establecen un vínculo coas tres pezas.

A estrea absoluta da composición conmemorativa do Centenario terá lugar na parte final do concerto. Antes, os alumnos de Música de Cámara do Conservatorio interpretarán varios temas do repertorio que levan traballando durante o curso. Tocarán obras de diversos estilos da música camerística, Mozart, Brahms, Saint-Saëns, Rachmaninoff, Demersseman, De Haan y Planel.

29 de abril de 2013 | 10:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.