Vigo acollerá a Copa de Campións Xuvenil de Fútbol no mes de maio

Caballero no sorteo de encontros
Vigo será, por primeira vez en Galicia, sede da Copa de Campións Xuvenil División de Honra, do 5 ao 11 de maio. Este martes tivo lugar o sorteo que determina o calendario para dirimir ao mellor equipo xuvenil de España, entre o RC Celta, o Real Madrid, o FC Barcelona, o Athletic, o Atlético de Madrid, o Sevilla, a UD Las Palmas e o Villarreal.
O alcalde de Vigo participou este martes no sorteo da Copa de Campións, xunto ao Presidente da Federación Galega de Fútbol e o presidente do Real Club Celta de Vigo, que se celebrará na cidade entre o 5 e o 11 de maio, na primeira vez que unha urbe galega acolle esta competición.
Caballero amousou a súa “satisfacción” pola elección de Vigo como lugar de celebración deste evento, e agradeceu á Federación e felicitou ao Real Club Celta de Vigo pola súa iniciativa.
A Copa de Campións enfronta aos mellores das sete ligas rexionais de xuvenís División de Honra, ademais do segundo clasificado con maior puntuación, que resultou ser o Atlético de Madrid. O sorteo emparellou no cruce ao Real Club Celta de Vigo co Real Madrid, que xogarán o próximo 6 de maio, ás 19:30 horas, na Madroa.











