VerbumFarenheit representarase do 17 ó 21 de abril, na Aula de Cultura Casa Dopeso nas Pontes
Limiar teatro nace a finais de 2009 e neste tempo leva producido catro espectáculos e realizado máis de 150 representacións por toda a península ante máis de 20.000 persoas. Coa súa primeira montaxe “Os 4 da xunqueira” estreado Ponte de Lima (Portugal) en coprodución co CDG (Centro Dramático Galego) e a MAO de Viana do Castelo dentro do programa europeo CREATIVA realizou 60 representacións por toda a xeografía galega.
Actualmente ten en xira FAHRENHEIT co que leva realizadas máis de 50 representacións e DON QUIXOTE, unha comedia gastronómica sobre a obra de Cervantes coa que percorreu en máis de 50 representacións gran parte da xeografía peninsular con representacións en grandes cidades como Oviedo, Santander, Bilbao, San Sebastián, Valladolid, Salamanca, Sevilla…
Desde os seus inicios Limiar ten traballado con diferentes asociacións a prol da cultura galega e o noso patrimonio como Ponte nas Ondas, Escoitar.Org ou o Proxecto Terra (Premio nacional de urbanismo 2010). Do mesmo xeito as súas produccións contaron co respaldo de importantes institucións como o Centro Dramático Galego, a Unión Europea, o Ministerio de Cultura de Portugal, o Xacobeo ou o Museo Verbum – Casa das Palabras de Vigo.
Verbum Fahrenheit é un espectáculo coproducido por Limiar teatro e o Verbum – Casa das Palabras de Vigo coa colaboración de Ponte nas Ondas e o patrocinio do Concello de As Pontes de García Rodríguez. É a historia de dous homes, dous presos que comparten un mesmo delicto: ler. Ler nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados por bombeiros incendiarios. Lectores castrados nunha sociedade na que os libros son preservados na clandestinidade alén do mar, na terra dos homes libro. O lugar cada persoa toma o nome do libro que aprende e protexe na súa memoria. VerbumFarenheit representarase do 17 ó 21 de abril, na Aula de Cultura Casa Dopeso no Concello das Pontes.
Fahrenheit é un espectáculo interactivo e didáctico baseado na novela Fahrenheit 451 que combina a narración, a música en directo, e os monicreques para contar a historia dos homes libro. A temática da peza vira sobre a importante relación que se establece entre a oralidade e a escrita e como existen pontes nun e outro sentido que fan que unha lingua se manteña viva.
Música en directo que fusiona instrumentos tradicionais con instrumentos urbanos e e elementos contemporáneos como o loop station en temas tradicionais pasados por un son contemporáneo que dea unidade sonora á peza. Guitarra, zanfona e gaita ao servizo da dramatuxia. Versións de “O son do ar de luar na lubre”, “Grándola de Zeca Afonso” “Barco negro de Amalia Rodrigues” ou “Pensar em voçe de Chico Cesar” Estética futurista creada por medio dunha escenografía, vestiario e iluminación cunha atmosfera gris, metálica e extracotiá con diferentes espazos configurados por elementos modulares.
Deste xeito acádase a imaxe dunha sociedade distópica como a que achega Ray Bradbury na súa novela. Durante os 60 minutos de duración do espectáculo promoverase a participación activa do público construíndo eles mesmos a terra dos home libro e converténdose en Homes libro ao memorizar entre todos textos que se preservarán na súa memoria de xeración en xeración.
Verbum Fahrenheit está creado a partir de textos de 100 autores de toda a lusofonía: Galicia, Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo verde, Santo Tomé y Principe e Guine – Bissau e Timor Leste. Deste xeito o espectáculo contitúe unha homenaxe a nosa literatura e a nosa lingua partillada.











