Venres Culturais comeza con música e teatro a cargo de Quico Cadaval e Mofa e Befa
Mofa e Befa, vellos coñecidos de Carballo, regresan á escena no Pazo da Cultura para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espírito romántico. A revolución que transformou o mundo e o converteu nun espazo de liberdade serve agora de desculpa para a creación de cancións e filmes con doses de edulcorantes sintéticas. Si, os transboleiros e as afterbaladas que martirizan aos usuarios e usuarias de transportes públicos e visitantes de centros comerciais. O romántico fica reducido a música de cantores, ollares de carneiro de galáns de telenovela e á memoria para lembrar os aniversarios de voda. Mofa e Befa, sensibles ao auténtico espírito romántico, queren lembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta, os amores de vampiros prolongándose nos séculos, as mulleres dacabalo fumando pitillos e os navíos errantes de matrícula holandesa. Un instrutivo repertorio de Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) que se ve completado polos luminosos esclarecementos do doutor Cadaval e polo romántico bálsamo das aveludadas melodías de Piti Sanz. A cita, que abre o programa Venres Culturais, é o venres 5 de abril ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada é de 4 €, 3 € con desconto e a duración prevista do espectáculo é de 100 minutos. Os interesados e interesadas en saber máis sobre a compra de entradas.
O propio Quico Cadaval presentou o espectáculo en Carballo, lembrando que, despois de moitas visitas ao Pazo da Cultura, “estamos acostumados a ter o teatro cheo”, algo que espera que se repita o venres 5. Entre as claves da proposta, mencionou una disputa entre “Julio Iglesias e Frankenstein a ver quen está máis operado”, nunha obra que describe como un “delirante carrusel” sobre “o que é o romántico e no que realmente derivou o romanticismo”, un carrusel que “converte poetas en pallasos e viceversa”. Hai que mencionar que “Románticos!” ten acumulado xa máis de 3.000 espectadores e espectadoras en salas de toda Galicia nas súas primeiras nove funcións, e que Víctor Mosqueira está nomeado aos Premios María Casares como Mellor actor principal. A primeira fin de semana dos Venres Culturais complétase o sábado 6 de abril coa música do festival Rockarballo, unha cita que leva ao Pazo da Cultura os grupos máis representativos do panorama musical carballés.
O festival está dividido en dous concertos repartidos ao longo da celebración dos Venres Culturais. Nesta primeira cita está prevista a presenza dos grupos Killer Cats e Amenaza de muerte, os dous de Carballo. A proposta mestura bandas máis alternativas con outras formacións de carácter máis clásico da capital de Bergantiños. Toda unha aposta pola diversidade musical na que versións de cancións xa coñecidas e novos temas conforman o programa desta primeira toma de contacto coa música máis urbana. A entrada é de balde ata completar o aforo, a partir das 21.00 horas no auditorio. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre os Venres Culturais poden dacelo nun documento en pdf nesta mesma nova.











