Vellez Activa chegará na súa quinta edición a 120 veciños maiores de 55 anos

Un instante do Programa de Vellez Activa
O Concello de As Pontes, a través do departamento Servizos Sociais, poñía onte en marcha unha nova edición do programa Vellez Activa co que se busca fomentar un envellecemento activo entre os veciños e veciñas do municipio, maiores de 55 anos.
Este é o quinto ano que se desenvolve un programa do máis demandado pola veciñanza e que, unha vez máis, contou co respaldo económico do propio executivo local e da Deputación da Coruña.
Xa son cinco as edicións de Vellez Activa en As Pontes e semella que a súa continuidade está máis que garantida grazas, sobre todo, aos seus beneficios e é que, mediante estes sinxelos cursos gratuítos, lógrase manter física e mentalmente activos aos que os reciben, tamén manteñen a súa autonomía, gañan en autoestima, incrementan a súa relacións sociais e adquiren novas experiencias e vivencias do máis satisfactorias e útiles para o seu desenvolvemento vital.
Para esta edición, que chegará a 120 persoas, optouse por desenvolver oito obradoiros de adestramento memorístico e risoterapia, que serán impartidos en clases semanais por mestres especializados. Asemade, unha vez máis optouse por levar estas actividades tanto ao casco urbano coma aos colectivos asociativos do rural, para que, independentemente do seu lugar de residencia, todos os veciños e veciñas de As Pontes gocen das mesmas iniciativas gratuítas, sen ter que desprazarse do seu barrio. De ahí que colectivos coma o Adro (Espiñaredo), Santa María do Aparral ou Encoro da Ribeira (Marraxón) poidan contar coas mesmas actividades que se desenvolven, por exemplo, no colectivo social da Choupana (Barrio da Pardo Bazán), nas Campeiras ou colectivo de viuvas María Magdalena.
Onte mesmo arrincaban os primeiros cursos, que rematarán a mediados de xuño, e que inauguraba o edil José Alén. De feito, o concelleiro participou no inicio dos cursos de risoterapia no Aparral e Choupana e do curso de adestramento memorístico das Campeiras.
Con respecto aos cursos de risoterapia, José Alén apuntou que se trata dunha iniciativa novidosa, coa que se busca facer chegar aos participantes os beneficios da risa para a nosa saúde. De feito, o concelleiro chegaba onte a definir a risa coma o medicamento máis barato que existe ao ser de balde e que non ten nin efectos secundarios nin produce sobredoses.
Xa na súa visita ao obradoiro de adestramento memorístico, Alén apuntaba a gran axuda que supón o realizar sinxelos exercizos numéricos ou de escritura para exercitar o noso cerebro co fin de mellorar na nosa actividade diaria e, deste xeito, lograr ser independente e pro-activo para non deixar pasar o tempo e aproveitar o momento.
Vellez Activa chegará, nesta ocasión, a 120 usuarios de seis colectivos veciñais ponteses con clases semanais de hora e media e que, durante esta semana, irán dando comezo nas diferentes asociacións que solicitaron a súa participación neste programa.











