Vedra e Sogama poñen en marcha unha campaña de educación ambiental sobre residuos urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVedra
A-
A+
Sinatura do convenio con Sogama

Sinatura do convenio con Sogama

O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, formalizaron esta mañá, na Casa Consistorial, un acordo de colaboración mediante o cal o concello procederá á implantación e desenvolvemento dun programa de educación ambiental en materia de residuos urbanos dirixido aos distintos sectores sociais.

Con esta iniciativa, o ente local quere evidenciar a súa firme aposta por unha xestión máis sostible do lixo que teña en conta as directrices marcadas pola normativa europea, estatal e autonómica na materia, e que pasaría por impulsar a prevención e a redución, só posible a través dun consumo responsable, así como o alongamento da vida útil dos produtos a través da reutilización e a activa colaboración da poboación na segregación dos refugallos en orixe, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks); azul, para os de papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; e recipiente convencional, para a fracción non reciclable, que Sogama transforma, con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde pública, en enerxía eléctrica.

MEDIOS PARA SEPARAR MÁIS E MELLOR

A compostaxe doméstica da materia orgánica seguirá cobrando especial protagonismo, toda vez que a iniciativa, instaurada fai uns meses en 30 vivendas unifamiliares, proseguirá coa adhesión de 20 máis, ás que se entregarán outros tantos composteiros de 360 litros de capacidade, chegando así ao medio centenar.

O obxectivo é que no rural se recupere progresivamente unha práctica tradicional en Galicia, como é a separación dos restos orgánicos, ben para alimento do gando ou ben para a elaboración de compost, obtendo un fertilizante natural con excelentes propiedades nutritivas para o solo.

Así, esta fracción de residuos retírase do circuíto habitual de xestión e tratamento do lixo convencional coas conseguintes vantaxes medioambientais para o concello ao pechar o ciclo de recuperación e reciclaxe da materia orgánica nas propias vivendas. Pero os beneficios tamén serán económicos e sociais, xa que ao evitar o depósito  dos desperdicios orgánicos nos contedores xenéricos, diminúese a frecuencia de recollida dos mesmos e, e polo tanto, redúcese o importe da factura a pagar a Sogama. Tamén se verán minorados os desprazamentos que as familias do rural, debido á alta dispersión da poboación, deben facer aos recipientes habilitados nas vías públicas para o depósito das distintas tipoloxías de residuos.

Pero, máis aló da autocompostaxe, con este convenio preténdese mellorar a recollida selectiva no seu conxunto e, por isto, dotarase ao concello con 100 lotes de bolsas de cores de 20 litros de capacidade cada unha (amarela, azul e verde), fabricadas a partir de materiais reciclados e reciclables, coas que se pretende facer máis cómoda a separación de materiais en orixe.

Dado o importante papel que, neste sentido, cumpren os escolares, servindo de motor para a modificación de hábitos e comportamentos nos seus fogares e contorno máis inmediato, tamén se proporcionarán 15 contedores de recollida selectiva ás escolas, permitindo que os pequenos poidan efectuar a segregación de residuos nas mesmas e que as boas prácticas sexan extrapoladas ás súas casas.

Ademais, e dado o risco medioambiental que entraña a incorrecta xestión das pilas, o concello terá á súa disposición 20 minicontedores que ubicará en lugares estratéxicos para posibilitar que os cidadáns poidan introducir este material nos mesmos, propiciando así o seu posterior reciclado. O obxectivo último é impedir que as pilas acaben arroxadas, xunto cos restos non reciclables, no recipiente convencional, o que ocasionaría un gran impacto ambiental. De feito, unha soa pila de botón pode chegar a contaminar 600.000 litros de auga.

ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS

Cartelería, folletos informativos, merchandising e outro material divulgativo complementará esta actuación, que se verá reforzada no seu momento polo xogo xigante dos residuos de Sogama, orientado ao alumnado de primaria.

Así mesmo, e coincidindo coa Semana do Medio Ambiente,que terá lugar a principios de xuño, a empresa pública financiará o aluguer dun autobús de 50-55 prazas para que veciños/a do concello poidan visitar o complexo industrial de Cerceda e teñan a oportunidade de realizar un percorrido guiado polo mesmo, tomando conciencia da importancia da súa colaboración no sistema.

19 de abril de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.