Valverde eliminará o cobro da expedición de certificados do padrón municipal e de convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, levará á sesión plenaria de mañá unha proposta que permitirá modificar a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de documentos administrativos, con data de 2009, unha medida que reducirá a carga tributaria e a presión fiscal sobre os veciños do municipio, ademais de axilizar e simplificar a realización dalgúns dos trámites administrativos que se realizan nas dependencias municipais.

Máis concretamente, a proposta de alcaldía formula a eliminación das taxas correspondentes á expedición dos certificados do padrón municipal -3 euros- e de convivencia -8 euros-, así como a do apartado correspondente a “Outros certificados relativos ao padrón municipal de habitantes”. “A posta en marcha de medida simplificará e abaratará a realización destas xestións administrativas os cidadáns, aforrándolles o pesado trámite de ter que desprazarse ata unha entidade bancaria para realizar o pagamento,” explica o rexedor municipal.

Esta proposta reafirma a postura do goberno local de non incrementar e conter a presión fiscal sobre os veciños do municipio, e súmase a outras iniciativas adoptadas polo equipo de Valverde, como non ter aplicado os incrementos dos tipos contidos no Plan de Saneamento Económico, subscrito polo anterior goberno socialista, “aliviando na medida do posible a economía familiar dos veciños de Nigrán”, engade Valverde.

2 de abril de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.