Adxudicada a humanización da rúa de San Roque en Nigrán por 312.000 euros
O Concello de Nigrán adxudica as obras de humanización da Rúa de San Roque á empresa COPCISA por un importe total de 312.392,60 euros. “Esta actuación, cuxo prazo máximo de execución se establece en tres meses dende o comezo desta, comprende o axuste final e remate das obras realizadas ata a data, o que nos permitirá dunha vez por todas mellorar un vial neurálxico para as comunicacións desta parroquia en concreto e de todo o noso municipio”, explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Máis concretamente, esta última fase das obras contempla a ampliación e mellora do acceso dende a Rúa dous Pazos á Rúa de San Roque, así como a finalización do asfaltado no tramo superior do vial. “A definitiva execución desta obra supón a consecución dun compromiso adquirido por outros gobernos ante os veciños e veciñas de Camos, que levan demasiados anos agardando por esta obra de mellora da Rúa de San Roque”, sinala.
Así mesmo, Valverde recorda que foi este goberno o que finalizou a segunda fase das obras deste vial, en setembro de 2011, un ano despois da data comprometida polo anterior goberno municipal.











