Un novo roteiro literario percorrerá as rúas de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros, tras o éxito da pasada edición, organiza un novo roteiro cultural e literario. Este ano comprende aos
artistas Syra Alonso e Francisco Miguel en Santa Cruz, Fanny Garrido e Marcial del Adalid no Pazo de Lóngora e Francisca Herrera en Oleiros. O roteiro literario é unha actividade que se organiza entre o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores de Oleiros. Consiste no percorrido por distintos lugares do municipio nos que
viviron diferentes mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. Comezamos en Santa Cruz con Syra Alonso e Francisco Miguel, trasladámonos ao Pazo de Lóngora con Fanny Garrido e Marcial del Adalid, posteriormente desprazámonos a Oleiros onde veraneou Francisca Herrera.

Os obxectivos que se pretenden conseguir son dar a coñecer diferentes mulleres e homes ilustres que viviron ou pasaron diferentes tempadas no Concello de Oleiros, mellorar o coñecemento do patrimonio e espazos do termo municipal de Oleiros e promover a lectura. Debido ao gran número de alumnado que xa está apuntado realizaranse dous roteiros: o primeiro será o 3 de maio e o segundo (que se repetirá co mesmo percorrido e explicacións), terá lugar o 10 de maio. En ambos casos comezaremos ás 9.30 horas nas
Torres de Santa Cruz.

En Santa Cruz explicarase a biografía e produción artística do pintor Francisco Miguel e veremos cal era a denominada “casa da felicidade” ou “casa da dicha” seguindo o diario escrito pola súa muller Syra Alonso, posteriormente desprazarémonos ao Pazo de Lóngora, lugar de residencia da autora Fanny Garrido e o músico Marcial del Adalid, para finalmente acabar en Oleiros, diante da casa na que veraneou a escritora Francisca Herrera. En todos estes lugares a presentación destas persoas ilustres será realizada por alumnado do instituto Miraflores. Tanto os alumnos e as alumnas de 2º de bacharelato que foron os que elaboraron o folleto dirixidos polo profesorado, como o alumnado de 4º de ESO que colaboran na actividade.

O alumnado de 2º de bacharelato do IES Miraflores que realizou os textos do folleto foron: Aurora Alonso, Pablo Balado, Carlos Barros, Nicolás Berti, María Cabrero, Blanca Domínguez, Alfonso Fernández, Belén Fernández, Eduardo Ferro, Manuel González, Iago Rial, Víctor Roade, Pablo Rodríguez, Rubén Vaamonde, Álvaro Varela, Iván Vázquez Mira, e o profesorado: Mercedes Agra
Ramírez (do departamento de Lingua Galega), Mª Concepción Castro Higelmo (departamento de Ciencias Sociais), Elena López Prada (departamento de Física e Química), baixo a coordinación da catedrática Rosa García Vilariño do Departamento de Lingua e Literatura galega, así como da Biblioteca Central Rialeda e do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros. O deseño da publicación foi realizado polo Departamento de Comunicación tamén do Concello de Oleiros.

En principio xa está confirmado que participarán no roteiro, ademais de alumnado e profesorado do IES Miraflores, tamén do instituto Mª Casares, do instituto Neira Vilas, do colexio Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e do colexio Luis Seoane de Mera. Máis de 300 alumnas e alumnos, aos que se lles entregará a publicación sobre estas persoas ilustres. Tamén poderán asistir todas as persoas que o desexen, pero deberán apuntarse na Biblioteca Rialeda para ter praza nos autobuses. Poderán facelo vindo persoalmente á
biblioteca, ou chamando por teléfono ao número 981 639 511 ou enviando un correo electrónico a biblioteca.rialeda@oleiros.org. A data límite para inscribirse é o próximo martes día 30.

28 de abril de 2013 | 10:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.