Tomiño acolle o festival “Primavera do cine” os días 6 e 7 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalTomiño
A-
A+

Tomiño acollerá a Mostra do Festival Primavera do Cine, organizada por “reencanto producións”  e “Musiquina 33mg”, en colaboración co Concello, os vindeiros 6 e 7 de abril, no Auditorio de Goián.

As películas, que se proxectarán no Auditorio de Goián, corresponden á primeira edición do festival de cine do mesmo nome organizado en Vigo por “reencanto producións” no ano 2012.

Os obxectivos deste festival, segundo explica a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, é que “o cine galego chegue ao público de Tomiño, e que este poida coñecer e valorar os traballos audiovisuais de calidade que se fan en Galicia e que, moitas veces non se distribúen nas salas comerciais”.

O sábado 6 ás 18.00 horas, terá lugar a proxección dun bloque de cinco curtas (O prezo da dote, 33, Birdboy, Un paseo polo Tea, e La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa), máis o videoclip gañador do festival 2012.

A continuación, proxectarase as longametraxes “Silenciadas” (20.00 hs.) e “Relatos” (22.00 hs.).

O domingo 7 ás 20.00, proxectarase un segundo bloque de curtas (Dúas letras, Robin & Robin, Camiño da memoria, O bufón e a infanta, A.G.N., e Estación Decembro). Seguidamente, ás 22.00 horas, poderase ver a longametraxe “Doentes”, co que se pechará a mostra.

2 de abril de 2013 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.