“Terras do Miñor” ensina a un centenar de nenos a almorzar de forma saudable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNigrán
A-
A+
Cativos no almorzo saudable

Cativos no almorzo saudable

O taller de emprego “Terras do Miñor” celebrou hoxe unha nova actividade, nesta ocasión dirixida a máis dun centenar de escolares do tres municipios da Mancomunidade do Val Miñor, nunha xornada dirixida a ensinar aos máis pequenos a almorzar de forma saudable.

Os 120 escolares, procedentes de tres colexios de Baiona, Gondomar e Nigrán, desprazáronse até a Residencia de Lecer e Tempo Libre de Panxón (Patos) para recibir de mans dunha nutricionista e dos responsables do taller de emprego unhas directrices básicas sobre como empezar o día con enerxía e, sobre todo, moita saúde.

Os pequenos coñeceron de mans dos participantes no taller as calidades nutricionais da froita e do pan, cuns divertidos talleres nos que prepararon brochetas de froita e aprenderon a amasar pan caseiro. Ao finalizar ditas actividades, recibiron de mans da nutricionista Gloria Pérez, unha charla educativa sobre como alimentarse de forma saudable.

“Terras do Miñor”

O taller de emprego da Mancomunidade do Valmiñor, financiado pola Xunta de Galicia cun investimento de 265.000 euros, imparte formación de calidade e un posto de traballo a un total de 30 persoas desempregadas dos concellos da comarca. Os participantes neste taller están a formarse desde o pasado mes de febreiro en operacións básicas de cociña e servizos de restauración. O obxectivo destes talleres é que o 70% dos participantes nos mesmos accedan ao mercado laboral ao finalizar a formación.

24 de abril de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.