Teo e Deputación destacan a funcionalidade da piscina municipal da Ramallosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+
Visita ás novas instalacións

Diego Calvo visitando as novas instalacións

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, expresou esta mañá a opinión de moitos teenses cando dixo que hoxe “é un día para que todos nos parabenicemos pola posta en marcha da piscina municipal da Ramallosa, un proxecto que vén de lonxe, que pasou por dificultades e que é unha realidade grazas ós esforzos das administracións provincial e local”. O rexedor explicou esto durante a visita realizada ás instalacións da piscina acompañado do presidente da Deputación, Diego Calvo, e de parte da corporación teense.

Noriega explicou que o resultado final “foi un edificio cunha dotación integral, con moitos espazos para cubrir unha oferta moi demandada pola cidadanía”. Engadiu que “o desexable é que este servizo de lecer e saúde se convirta nun servizo con capacidade de autofinanciarse xa que nestes tempos os esforzos das administracións deben estar centrados nos fondos para servizos esenciais”. De todas maneiras “boa mostra da capacidade desta instalación e do seu interese son as máis de 300 persoas anotadas xa ata este momento para usar a instalación” rematou o alcalde.

Diego Calvo, o presidente da Deputación explicou que estaba impresionado por un edificio destacable “dende un punto de vista funcional e arquitectónico”. E á vista do resultado deu por bo “o esforzo inversor da Deputación nun equipamento que se pon ó servizo de todos os veciños e veciñas da comarca”. Na súa intervención explicou que se trata dunha infraestrutura destacacle “polo deseño, polos equipamentos cos que está dotado e mesmo polo entorno”.

Este novo equipamento municipal é realidade grazas á colaboración económica entre administracións. O Concello de Teo e a Deputación asinaron un convenio de colaboración no ano 2011 no que se comprometían a cofinanciar o edificio. A obra tivo un orzamento de execución de 1,6 millóns de euros.

Este forte investimento permitiu crear un edificio funcional que na súa utilidade vai moito máis alá ca unha piscina xa que se utilizaron os diferentes espazos para os usos propios dunha instalación deportiva. A parte central da instalación é sen dúbida o vaso da piscina, que mide 25 metros de longo por 12 de ancho. Ten unha profundidade na parte menos profunda de 1,4 metros e na máis profunda 2,3 metros. O entorno da piscina, a chamada zona de praia ten 400 metros cadrados. No resto da infraestrutura podemos atopar un ximnasio de 200 metros cadrados, unha sala de uso polivalente na planta do soto de 142 metros cadrados e outra na parte alta, cun amplo ventanal que da á piscina, con 160 metros cadrados. Ademais a planta do soto tamén se usou para instalar dúas pistas deportivas de 200 metros cadrados cada unha, de pádel e multideporte.

Ademais das zonas para monitores e os vestiarios a instalación conta con dúas salas para fisioterapia e espazo de oficina e recepción.

Mañá 20 de abril celébrase unha festa de apertura das instalacións na que xa se poderán usar as mesmas con normalidade. Para os máis pequenos haberá inchables acuáticos e de terra. A festa será entre as 16:00 e as 21:00 horas e ó  redor das 17:30 horas actuará o mago Gusi. Durante a tarde tamén se darán master class con sesións continuas de aeróbic, zumba, pilates, cicloindoor…

E o luns comezará a actividade normal co horario de inverno habitual desta nova instalación. Será de luns a venres de 07:15 a 23:00 horas; os sábados de 09:00 a 14:15 e de 17:00 a 20:15 horas e os domingos de 09:00 a 14:15 horas. As persoas que se abonen ata finais de abril desfrutarán dunha promoción de apertura xa que terán o mes de maio gratis. Polo momento a empresa xa conta con máis de 300 usuarios anotados. Nestes últimos días de abril tamén se realizarán as probas de nivel para os cursos de natación que xa comezarán en maio.

19 de abril de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.