Teo agradece a doazón dunha biblioteca de 3.000 libros da Asociación Galega de Editores

Entrega do lote de libros
As bibliotecas do Concello de Teo contan dende hoxe cun fondo bibliográfico ampliado grazas á doazón dunha biblioteca de 3.000 volumes realizada pola Asociación Galega de Editores. A Concelleira de Cultura, Carme Hermida, agradece esta entrega e destaca “este acto xeneroso, que é moi destacable pola cantidade de material recibido”. Esta doazón “como outras máis pequenas de particulares pero tamén importantes axudarán a completar a oferta das bibliotecas municipais” explica a edil.
O acto de entrega pública destes libros fíxose esta mañá e contou coa presenza da Vicepresidenta da AGE, Belén López, directora de Baía Edicións; de Benigno Paz, director de KNS Edicións e editor de Teo; da secretaria técnica da AGE, Luz Picos, do alcalde de Teo, Martiño Noriega e da edil de Cultura, Carme Hermida.
Druante o acto Belén López deu lectura do acordo da Asociación no que se tomou a decisión de doar a súa biblioteca ó Concello de Teo. No acordo destácase que os editores “tiveron en conta o traballo realizado pola Mediateca O Grilo e o interese manifestado polo Concello e pola Concelleira de Cultura en facerse cargo dos fondos e realizar o inventario e catalogación dos mesmos”.
Entre as sesenta caixas nas que chegaron os libros atópanse libros de narrativa, poesía, infantil, xuvenil… Pero ademais de novidades editoriais tamén hai obras de investigación cun alto valor científico e económico. Durante a primeira revisión do material, xa que os libros levan algúns días en Teo, atopáronse ata libros históricos dos século XIX e primeiros do século XX que xa se trasladaron ó arquivo municipal.
Carme Hermida destaca que “con esta doazón pasamos a mellorar unha excelente biblioteca que conta cun espazo que xa se queda pequeno”. O Concello de Teo ten catalogados antes desta doazón case 22.000 libros que se poden consultar na Mediateca do Grilo (Cacheiras) e na Casa Común dos Tilos. En canto a usuarios actualmente entre os dous centros hai máis de 1.500 carnés expedidos.
AGE
Pola súa banda a Asociación Galega de Editores leva máis de 25 anos coordinando a iniciativa empresarial da edición en lingua galega. A súa finalidade é a xestión e defensa dos intereses comúns dos editores galegos asociados e a promoción e difusión dos libros galegos. Entre os seus asociados están Galaxia, Sotelo Blanco, Kalandraka, Baía Edicións, Edicións do Cumio, Xerais, Edicións do Castro, Ir Indo…











