Teo acolle este sábado a representación da obra de Manuel María “Abril de lume e ferro”
A Concellaría de Cultura, dirixida por Carme Hermida, ultima os preparativos para a representación da obra “Abril de lume e ferro” este sábado no Centro Sociocultural da Ramallosa ás 20:30 horas. Trátase dunha iniciativa novidosa xa que a asociación que dramatiza a obra é do concello de Carral e este é o primeiro ano que a fai fóra do seu municipio. Tradicionalmente faise en escenarios naturais aínda que en Teo se fará no salón de actos da Ramallosa.
Para poñer en marcha esta peza teatral tamén se conta coa colaboración de actores de Teo. Concretamente participarán na obra algúns dos integrantes do obradoiro de teatro municipal, do grupo de gaitas da asociación A Mámoa e do instituto. A relación entre os Concellos de Teo e de Carral vén motivada polo acontecemento histórico da Batalla de Cacheiras e o desenlace fatal dos xenerais sublevados e apresados en Santiago e posteriormente fusilados coñecidos popularmente como os mártires de Carral.
Os nenos dos institutos de Teo e de Carral realizaron o seu particular intercambio este pasado 23 de abril para realizar parte do roteiro da Batalla de Cacheiras en Teo. Concretamente fixeron camiñando o tramo entre a reitoral de Bamonde e a capela da Santa Eufemia en Oza. E este sábado serán os adultos os que continúen con este intercambio cultural e histórico que lembra cada ano os feitos acontecidos nos dous municipios no ano 1843 cando se enfrontaron as tropas capitaneadas por De la Concha e por Solís no xérmolo do movemento identitario deste País.
A entrada a esta obra de teatro é de balde. Dende o Concello agradécese que os asistentes, na medida na que cada un poida colaborar, faga unha contribución ó Banco Veciñal de Alimentos de Teo. Recoméndase traer produtos comestibles non perecedeiros (conservas, leite, aceite, pasta, arroz…).











