“Tempo para avanzar” creará un espazo de apoio para que as mulleres poidan desenvolver actividades laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez, informou do programa “Tempo para avanzar”, que se está a desenvolver dende principios do presente mes de abril nas instalacións municipais da Ludoteca do Cantón de Molíns, e que se prolongará até o vindeiro mes de decembro. A iniciativa ten lugar de luns a venres en horario de tarde -durante catro horas- e as persoas interesadas en beneficiarse da mesma teñen que presentar as solicitudes no Rexistro Xeral da Casa Consistorial e non existe prazo de incrición.

A edil Verónica Casal sinalou que “a actividade é de apoio á concienciación das mulleres traballadoras e estudantes con familias monoparentais e con escasos recursos económicos”. Así mesmo, o obxectivo primordial desta iniciativa é a creación dun espazo de apoio para que estas mulleres poidan desenvolver actividades laborais ou de formación regulada, mediante un lugar de apoio socio-educativo para as súas/os fillas/os menores. Os pequenos estarán divididos en tres grupos por idades: de 0 a 3 anos, de 4 a 6 anos, e de 7 a 12 anos.

Ademais, o programa conta con persoal especializado en educación, infancia e persoas voluntarias. O proxecto busca contribuír a crear tempos libres de cargas familiares para que as mulleres poidan formarse ou traballar; aumentar o número de mulleres con familias monoparentais que acoden a espazos de formación regulada ou se inclúen no mundo laboral; favorecer a igualdade entre mulleres e homes; e mellorar o rendemento académico dos menores mediante o apoio educativo.

O proxecto está organizado e executado pola ONG “Acción Familiar” mediante a adxudicación do Concello de Ferrol a través da Área de Igualdade.

18 de abril de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.