Temas de Shubert, Tchaikovsky, Jean Michale Jarre e Manu Chao amenizarán “Unha nota, un alimento” en Vilagarcía
O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía pecha o sábado a mediodía a campaña solidaria “Unha nota, un alimento”, desenvolvida durante as últimas dúas semanas en beneficio de Cáritas. Para a clausura, as orquestras do centro municipal ofrecerán un concerto na Praza de Galicia no que interpretarán temas de compositores clásicos, como Tchaikovsky, Shubert, Brams; e modernos como Jean Michael Jarre ou Manu Chao, entre outros. Con este ambiente festivo e musical, o Conservatorio tamén pretende animar aos veciños a que contribúan á causa doando algún alimento que poderán depositar alí mesmo.
O concerto solidario do sábado comezará coa actuación da Orquestra do Grado Elemental, que está composta por preto de vinte alumnos das especialidades de frauta, violín, clarinete, violonchelo, trompa, trompeta e trombón. A agrupación interpretará un repertorio moi variado que abarca diferentes estilos e cuxos arranxos e dirección corren da man do profesor Jesús L. González López:
– Minuet – H. Purcell
– Entreacto de Rosamunda- F. Schubert
– Allegro non troppo, ma con brío (Sinfonía nº 1) – J. Brahms
– Danza Árabe – P. I Tchaikovsky
– Luna e Sol – M. Chao
– Heart & Soul – D. Martin
– Oxigene – J. M. Jarre
A continuación intervirá a Orquestra do Grado Profesional na que participan todos os alumnos do centro das especialidades orquestrais: clarinete, frauta, percusión, saxofón, trombón, trompa, trompeta, bombardino, violín e violonchelo. Por tratarse dunha causa especial e de índole solidaria, varios profesores e ex alumnos do centro actuarán coa Orquestra do Grado Profesional.O profesor Jorge M. Ferreira Bellón dirixe a orquestra que para a ocasión interpretará o repertorio que ven traballando ao longo de todo o curso 2012-13:
– Danza de los cisnes – P. I Tchaikovsky (do Lago de los cisnes)
– Dos Marchas – R Schumann ( Two granadiers & La marcha del soldado)
– Cuadros de una exposición – M. Mussorsky (Paseo, La cabaña de Baba Yaga, La gran puerta de Kiev)
– Finlandia – J. Sibelius
– Final da Sinfonía nº 5 – L. Van Beethoven
– Balada Galega – Juan Montes
Para rematar do mellor xeito posible esta campaña solidaria, o sábado, ó redor do escenario da Praza de Galicia, e en colaboracións cos supermercados colaboradores, disporanse varios carros da compra para que o público asistente que o desexe poida depositar doar alimentos que os voluntarios de Cáritas procedan a recoller unha vez rematado o concerto.
O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía puxo en marcha a campaña “Unha nota, un alimento” co principal obxectivo de colaborar con Cáritas, pero tamén coa intención de fomentar no alumnado do centro a súa vertente máis solidaria. O proxecto xurdiu dende a filosofía de que a función dos centros educativos, máis alá da propia labor formativa e académica que desenvolven, debe reverter na sociedade que os rodea e, en consecuencia, da idea de que o alumnado que participa nestas iniciativas sexa consciente de que o esforzo persoal e colectivo, ten a súa recompensa, no, só individualmente, senón tamén naqueles sectores da poboación máis desfavorecidos. Aparte de contar con todo o profesorado e alumnado do centro, para a posta en marcha da campaña “unha nota, un alimento” o Conservatorio contou coa total implicación da Concellería de Educación, e da Asociación de Pais e Nais do Ensino Musical Atril; así como da colaboración dos supermercados HiperFroiz, Froiz, Familia, Eroski y Carrefour.
Por outra banda, dende o inicio da campaña o pasado 13 de abril e ata o día de hoxe, nos puntos de recollida habilitados nos cinco supermercados colaboradores recolléronse oito carriños da compra cheos de alimentos que Cáritas xa se encargou de recoller. Os produtos destinaranse a abastecer o Comedor Social e aos paquetes de alimentos que a organización entrega periodicamente á familias necesitadas.











