Teatro en Noites Abertas coa obra “Pequenos actos pseudorrevolucionarios”
Este sábado 6 de abril Noites Abertas inclúe na súa programación gratuíta, a representación da última obra da compañía IBUPROFENO TEATRO (Marián Bañobre e Santiago Cortegoso) e premios María Casares 2013 ao mellor texto e mellor interpretación feminina: “PEQUENOS ACTOS PSEUDORREVOLUCIONARIOS que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos”.
Antes da función no Teatro Principal, desenvolverase un obradoiro previo a partir das 19h.
“Descobre o Teatro por dentro”, onde as persoas interesadas poderán compartir coa compañía os momentos previos a unha función. Como é un día de representación: atrezzo, pase técnico, quecemento, rutinas, maquillaxe,… Participar nos exercicios previos, coñecer a parte técnica e a súa montaxe, xeitos de crear un espectáculo,… e axudar na montaxe.
Seguidamente a partir das 21h terá lugar a representación da función aberta ao público en xeral maior de 15 anos. A entrada será de balde ata completar aforo polo que a retirada de invitacións poderá realizarse na taquilla do teatro o mesmo día da función dende as 19h.e ata esgotar as entradas.
Trátase dun espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva, entrelazando varias historias que parten dun nexo común: personaxes que deciden emprender accións de protesta de xeito privado e individual (por iso son pequenos) para expresar o seu desacordo co funcionamento ou significado dalgunha institución pública ou privada ante a cal non atopan outro medio de manifestarse. Non conseguirán un mundo máis xusto, pero polo menos han gozar dunha sensación de alivio grazas á complicidade có público.











