Sétima edición de Saudarte na procura de sensibilizar á xuventude contra ás adiccións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde, Luis Aragunde, xunto co presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN), Manuel Couceiro Cachaldora, e o xerente da mesma, Fernando Alonso, presentaron a sétima edición da mostra Saudarte, que conta coa coordinación de Domingo Tabuyo e coa participación de alumnos do IES Francisco Asorey, do Instituto Ramón Cabanillas, do colexio Antonio Magariños (de 5º de primaria), e da academia de pintura dirixida por José Ramón Costa.

Esta exposición está concebida como parte do programa de sensibilización social da Fundación Galega contra o Narcotráfico, co apoio decidido do Concello de Cambados e dos centros educativos do municipio. Vai permanecer nas salas do pazo Torrado dende este venres, día 12, ata o 28 do presente mes de abril.

O alcalde suliñou neste acto que dende o Concello sempre se procura impulsar e “dar alento” a este tipo de iniciativas que buscan mellorar a sociedade, sobre todo cando se implica a xuventude cunha actividade tan creativa como son as artes.

O presidente da FGCN agradeceu o respaldo do Concello e indicou que esta entidade de ámbito galego vai continuar na mesma liña de divulgar a arte como actividade de lecer saudable, fomentando a creatividade emaila cultura como manifestacións enriquecedoras da persoa.

A mostra Saudarte naceu en 2008 e dende os inicios propúxose empregar a arte como vehículo de sensibilización social fronte ós problemas derivados do consumo de sustancias adictivas. A iniciativa está aberta a todos os artitas noveis que desexen participar, principalmente a estudantes dos centros de ensino da vila onde se celebra a mostra, sen esquecer a participación de artistas a título individual procedentes de diversos lugares da nosa comunidade autónoma.

10 de abril de 2013 | 15:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.