Sesenta persoas comezan a aprender ou mellorar o galego a través dos cursos do Celga 2 e 4
O luns 1 de abril, 60 alumnos/as comezaron en Carballo cursos para aprender ou para mellorar a competencia lingüística en galego. Trinta deses/as alumnos/as participan no nivel Celga 2, e boa parte son chegados/as de fóra de Galicia, como por exemplo Uruguai, Cataluña, Cuba, Chile, Canarias, Romanía, México, Venezuela, Colombia, etc. Moitos participantes xa estiveron no Obradoiro de integración lingüística que tivo lugar en Carballo a finais do ano pasado. Os/as outros/as 30 participan no nivel Celga 4 e, neste caso, xa son maioritariamente galegos/as. Os dous cursos teñen lugar na aula 4 do segundo andar do Pazo da Cultura de Carballo, de luns a xoves, e ata o 29 de maio. O curso de nivel Celga 2 en horario de 17.00 a 19.15 horas e o de Celga 4 de 19.30 a 21.45 horas. A profesora do nivel máis básico será M.ª Carme Mallo Lema e a do nivel superior María Xosé Sueiro Pose. Estes cursos están organizados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. As prazas están completas e quedou xente en listaxe de agarda.











