Sesenta novos colectores incentivarán a recollida selectiva entre a veciñanza tomiñesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
O concelleiro de Medio Rural xunto aos colectores

O concelleiro de Medio Rural xunto aos colectores

Tal como se informara á cidadanía na campaña “O Concello Escoita”, a Concellaría de Medio Ambiente, colocou novos colectores para a recollida selectiva de lixo en distintos puntos do casco urbano e parroquias.

Ante o actual contexto de crise, e antes de plantexar unha suba no recibo do lixo, o Concello decidiu informar aos veciños e veciñas para que, coa súa implicación na separación dos distintos tipos de residuos, axuden a reducir os custes do servizo, diminuíndo así o peso dos residuos que van ao colector verde.

Tal como se dera a coñecer nas reunións da devandita campaña, os custes do servizo de recollida do lixo ascenderon no último ano a 253.455 euros, e os do tratamento a 285.335. En contrapartida, os ingresos en concepto de recollida que recada o Concello son de 230.287 euros ao ano, polo que existe un importante déficit no servizo (-324.667 euros por ano), xa que a taxa que se cobra á veciñanza é so por recollida, non por tratamento.

Para facilitar a tarefa de separación á veciñanza, o Concello decidiu instalar máis de 60 novos colectores de vidro(iglú verde), papel-cartón (azul) e envases (amarelo).

Á hora de colocar os novos colectores, tivéronse en conta criterios, coma solicitudes feitas polos veciños, número de habitantes aos que se da servizo, ou  puntos donde xa existía algún punto de recollida selectiva.

Compost

Posto que unha parte importante do lixo que vai ao colector verde é materia orgánica (restos de froitas e verduras, comida, follas) e co propósito de reducir custes, outra das iniciativas adoptadas pola concellaría, foi o sorteo de 15 composteiros, para que os agraciados puideran xestionar esa parte do lixo na casa, obtendo un produto de calidade para a súa horta ou xardín.

Ademais, repartiuse un composteiro por cada  centro educativo de primaria, en Tomiño, Goián, Tebra, Sobrada e Barrantes, para que os nenos aprendan a xestionar a materia orgánica.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comentou que moitos veciños e veciñas estarían dispostos a ter un composteiro para restos orgánicos no domicilio, valorando positivamente algún desconto ou compensación no recibo municipal.

O Concello comprometeuse, pola súa banda, a facer un seguimento técnico, co obxecto de resolver dúbidas e comprobar que o proceso de compostaxe estase a desenvolver axeitadamente.

25 de abril de 2013 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.