Saudarte congregará na súa primeira edición a máis de 35 artesáns do Val Miñor en Nigrán

Presentación de Saudarte
O Salón de Actos municipal acolleu hoxe a presentación da feira Saudarte, a feira da artesanía e a saúde que nace en Nigrán co firme obxectivo de consolidarse como o evento que dea a benvida á tempada estival. O acto contou coa participación do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, e tres membros da xunta directiva da asociación AMANDOVAL, Ana Gil Martínez, Antón Román e Silvia Broz.
Este evento, iniciativa da asociación de Artesáns do Val Miñor, AMANDOVAL, en estreita colaboración co Concello de Nigrán, congregará o próximo fin de semana –os días 4 e 5 de maio- a máis de 35 artesáns da comarca en Praia América, máis concretamente na contorna do parque infantil e da Rúa Vistas ó Mar. Neste sentido, o concello informa do corte das rúas Rúa Vistas ó Mar, e o Paseo de Lourido, entre as rúas Vistas ó Mar e Canido, durante todo o fin de semana.
Cambiar o enfoque e a concepción que a sociedade actual ten das feiras de artesanía –habitualmente infestadas de manualidades, non de artesanía- e promover, así como dar a coñecer e dignificar a actividade dos artesáns do Val Miñor son os puntos de inspiración de Saudarte. “A diferenza de Saudarte respecto doutras feiras ou mercadillos de artesanía é que é a única composta por produtos 100% artesáns”, explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Arte e saúde
Desde este ano, Nigrán recibirá a chegada do bo tempo con este evento, que congrega artesanía, cultura, humor e saúde, todo protagonizado por veciños e veciñas de Nigrán e do Val Miñor. Nesta primeira edición, a mostra contará con 15 postos de oficios, nos que os visitantes poderán, ademais de adquirir o produto final traballado, ver o proceso de elaboración do mesmo, e outros tantos postos de exposición de artesanía.
A feira completarase con talleres de flores, pintura, pulseira de coiro, caixas de serpentina e cociña creativa, así como contacontos e espectáculos musicais e de humor, unha cantina de cervexa artesá e augardente de piruleta, e sesións gratuítas de ioga e reiki ao longo de todo o fin de semana.











