San Sadurniño tramita as solicitudes de axuda para practicar idiomas no estranxeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O departamento de Servizos Sociais informa das axudas ás que poderán acollerse as familias que queiran enviar un fillo ou filla ao estranxeiro durante o verán para que practique idiomas. Estas axudas, convocadas pola Xunta, van destinadas a alumnos de ESO, bacharelato ou ciclos formativos de grao superior que teñan un módulo profesional de lingua estranxeira. A solicitude pode tramitarse no Concello ata o 22 de abril.

As estadías no estranxeiro desenvolveranse entre a última semana de xuño e finais do mes de agosto deste ano e con elas búscase que a rapazada mellore a súa competencia no idioma que estea aprendendo na escola. Pode acollerse quen estea estudando algún curso da ESO, 1º ou 2º de bacharelato ou ciclos formativos de grao superior.

Hai dous requisitos académicos importantes para ser beneficiario. O primeiro deles é que cómpre ter aprobadas todas as materias do curso 2011/2012. Ademais, o alumnado de 6º de primaria e 1º de ESO deberá ter unha media de Ben en lingua estranxeira, mentres que no caso de quen estea en 2º, 3º e 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos, esa media terá que ser de 6.

A Consellería de Educación ofrece 705 prazas para perfeccionamento de inglés e francés. Poden solicitarse estadías no Canadá, no Reino Unido, en Francia e mesmo en Galicia, onde se poderá practicar a lingua en residencias especializadas por un prezo moi asequible. Cómpre ter en conta que as familias deberán facer unha achega. O seu importe virá dado polo expediente académico e polo nivel de renda familiar, entre outros aspectos. Así, unha estadía de tres semanas no Canadá que supera os 2.300 euros pode quedar en 355 se se dan as condicións esixidas na convocatoria.

Toda a información sobre esta liña de axudas pode consultarse na páxina específica da consellería, ou ben acudindo aos Servizos Sociais do Concello, onde tamén nos indicarán como facer a solicitude e cal é a documentación que deberemos presentar. O prazo está a punto de rematar, xa que o 22 de abril é o último día.

16 de abril de 2013 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.