San Sadurniño súmase á reclamación da ANPA do colexio público dun servizo de comedor gratuíto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A ANPA do colexio público de San Sadurniño mantivo este pasado venres unha xuntanza na que se avaliou o impacto económico que suporá para as familias o copagamento do comedor escolar que prepara a Consellería de Educación. O novo escenario elimina o uso do transporte escolar como criteiro da gratuidade do servizo e marca prezos ligados á renda neta das familias, que poden chegar aos 4,5 euros por neno e día. A ANPA de San Sadurniño rexeita a medida e está a definir as medidas que vai adoptar para reclamar que o comedor volva ser gratuíto. O goberno municipal anunciou o seu apoio a esta demanda e o seu compromiso de colaborar coa entidade na reclamación dun servizo de balde e de calidade.

O goberno local xa se aliñou coa ANPA ao presentar a semana pasada a través do seu grupo municipal unha moción para o seu debate no pleno do mes de maio, na que se lle propón á corporación a aprobación dun documento no que se insta á Xunta a retirar o copagamento.

A Xunta traballa nun decreto que introducirá tramos de pago -1 euro, 2,5 e 4,5 euros- dependendo da renda familiar, a súa situación e o número de fillos, tomando como referenza as declaracións do exercicio de 2011. Desta maneira, os tramos marcan a gratuidade para as rendas máis baixas, como pode ser o caso dunha familia monoparental cunha renda mensual igual ou inferior a 1000 euros netos.

Porén, se esa mesma familia cun único pai ou nai cobra 1.001 euros, xa terá que pagar 1 euro ao día. Se o salario que percibe pasa de 1.143 serán xa 2.5 euros e se supera os 1.286 euros terá que pagar 4,5 euros/dia polo comedor do seu fillo ou filla. Dito doutro xeito, neste último caso, a familia do exemplo terá que pagar 99 euros nun mes normal por un servizo que ata agora lle saía de balde. Dándolle a volta ao número e en termos de economía doméstica, a renda desa familia quedará reducida a 1.187 euros durante o curso escolar.

Ese máximo de 4,5 euros/día tamén o pagarán aquelas familias cun único fillo e dous proxenitores cunha renda neta superior aos 1.929 euros mensuais. Así, unha parella de mileuristas tamén terá que asumir os case cen euros mensuais que lles custará a partir de agora o comedor do seu único fillo ou filla.

Na proposta de decreto aparecen outros tramos e outras situacións, pero unha das cuestións que máis preocupa á ANPA é a de que se tomen como referenza as declaracións da renda do exercicio de 2011. Pasaron xa dous anos e poden darse casos de familias que daquela tivesen bos ingresos e que neste tempo quedasen no paro e que incluso algunhas esgotasen a prestación.

A asociación de pais e nais de San Sadurniño mantivo o venres pasado unha xuntanza con máis de medio cento de asistentes para falaren deste asunto e tamén para adoptar unha postura unitaria en contra do copagamento dos comedores. A entidade baralla exercer medidas de presión para lograr que o servizo continúe sendo gratuíto.

22 de abril de 2013 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.