San Sadurniño prepárase para a Feira da plantación mirando ao ceo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Este domingo 28 o contorno do colexio público acollerá a XVIII edición da Feira da plantación. Un evento que reunirá máis dunha trintena de expositores relacionados co cultivo da terra, a artesanía e o desenvolvemento rural. O Concello apura as últimas horas para que todo estea listo cun ollo nos preparativos e o outro no ceo. 

Meteogalicia anuncia un domingo máis ben fresco e con auga, nubes e claros case a partes iguais que lle irán dando paso ao anticiclón ao longo da tarde. Porén, o tempo non é obstáculo para a feira. O Concello instalou unha carpa de 2.000 metros cadrados baixo a que hai espazo de sobras para acomodar expositores e un bo número de visitantes.

A Feira da plantación estará aberta desde as 10 da mañá aproximadamente. Nela participan 31 firmas de toda a comarca relacionadas co cultivo da terra, aínda que a maior parte da exposición e venda estará copada polos semilleiros, as flores e as plantas. Así e todo a variedade é un dos grandes atractivos da cita, xa que o público poderá atopar maquinaria, ferramentas e outro equipamento, ademais de artesanía e produtos elaborados.

San Sadurniño converterase o domingo durante todo o día en escaparate do que ofrece o medio rural e do seu potencial como medio de vida. A organización da feira entregaralle a cada asistente unha planta de agasallo e con cada compra obterán un boleto para participar nos dous sorteos de produtos que hai programados para as 12.00 h. e as 17.00h. Para os máis pequenos tamén haberá un obradoiro de cerámica a partir das cinco da tarde.

26 de abril de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.