publicidade hoxe

San Sadurniño, Narón e Valdoviño propoñen un proxecto conxunto de eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal PortadaNarónProvinciasSan SadurniñoValdoviño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño participa xunto co de Narón e Valdoviño nun proxecto que prevé renovar os alumeados públicos en catro zonas destes municipios. O obxectivo da proposta é reducir ao mínimo o consumo eléctrico mantendo os mesmos puntos de luz. No último ano os tres concellos pagaron 26.000 euros polo consumo eléctrico desas catro liñas que agora se queren mellorar. Tralas intervencións previstas a cifra baixaría a pouco máis de 4.000.

Segundo o proxecto técnico os catro puntos onde se vai actuar son a zona de Cornide en San Sadurniño, a rúa Concepción Arenal de Narón e os lugares da Torre e do Barreiro en Valdoviño. En conxunto suman 210 farois de distintos modelos e tamén de distintos consumos. O informe da auditoría previa indica que en conxunto teñen unha potencia instalada de 42,55 kW, que funcionan 4.252 horas ao ano e que o consumo se sitúa en 180.917 kWh. Unha realidade que se traduciu, segundo o mesmo informe, nun custe para as arcas municipais dos tres concellos de 26.290,51 euros entre marzo de 2012 e marzo de 2013.

Estas cifras poden baixar significativamente substituíndo lámpadas e pantallas por outras máis modernas e eficientes, e incorporando mecanismos de aforro enerxético que regulen dun xeito máis racional o funcionamento dos alumeados. O estudo técnico revela que adoptando estas melloras e mantendo o mesmo número de farois faría falla só o 21% da potencia actual e que se conseguiría pasar de 180.917 kWh de consumo anual a tan só 28.117. Se transformamos estes números en euros, as contas dannos que os tres concellos conseguirían un aforro conxunto anual superior aos 22.000 euros, é dicir, un 85% menos do que se viña pagando ata agora.

Axudas do Inega

Pero para levar adiante estes cambios tecnolóxicos que permitan aforrar cartos primeiro hai que investilos. A substitución de elementos do alumeado suporá un investimento conxunto de 98.405,65 euros. Unha partida que os tres concellos pretenden sufragar con cargo ás liñas de axuda convocadas polo Inega para renovar instalacións de iluminación exterior. Segundo as bases da convocatoria as solicitudes formuladas por agrupacións de concellos limítrofes -coma neste caso- poden chegar a un 75% do investimento. Aínda no caso de que non houbese axuda pública, o cambio saíría a conta, xa que o aforro conseguido permitiría recuperar o investimento en pouco máis de catro anos.

Con todo, desde o goberno local confíase en que a proposta presentada obteña a máxima puntuación debido a que se dan todas as condicións recollidas na convocatoria co engadido de que se trata dun proxecto no que colaboran tres administracións locais.

O alcalde, Secundino García, explicou que a colaboración entre Concellos “é unha vía que cómpre aproveitar ao máximo para xestionar racionalmente os recursos públicos”, e lembrou que San Sadurniño ten abertas outras  liñas de cooperación con municipios limítrofes, como é o caso das Somozas ou A Capela en materia de orientación laboral.

A este respecto, García indicou que  para mellorar a sostenibilidade económica dos municipios e optimizar os servizos que se prestan á cidadanía  “non fan falla fusións artificiais nin tampouco recurtar a marxe de manobra dos  concellos mentres se potencian organismos inútiles como as deputacións.”

18 de abril de 2013 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.