San Sadurniño inicia as obras de rehabilitación das antigas unitarias de Bardaos e Naraío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+
Visita ás obras

Visita ás obras

Este martes comezaron simultaneamente os traballos de rehabilitación das escolas das Loibas e do Cerdeirido para convertelas en vivendas. O Concello investirá nas obras algo máis de 127.000 euros cos que, ademais de mercar o material necesario, tamén se lle dará traballo a catro persoas durante un periodo próximo aos seis meses.

Os labores comezaron coa retirada de entullos e o derrubamento de tabiques en mal estado co obxectivo de deixar as infraestruturas completamente limpas antes de comezar coa súa reforma. O proxecto municipal prevé converter as vellas escolas das Loibas (Bardaos) e do Cerdeirido (Naraío) en dúas vivendas unifamiliares totalmente equipadas e sustentables desde o punto de vista enerxético.

En total investiranse arredor de 60.000 euros en cada unha delas, incluída a dirección da obra. As obras execútanse por administración, é dicir, é o propio Concello quen as leva a cabo contratando para iso ao persoal e mercando directamente o material.  Segundo a titular de Obras, Amparo Calvo,  este xeito de facer as cousas “é pouco habitual nas administracións públicas pero permitirá aforrarlle ás arcas municipais os custes de ive e de beneficio industrial que habería que asumir se se lle contratase o traballo a unha empresa construtora”.

Porén, para o goberno municipal unha das contrapartidas máis importantes do traballo por administración é a de que esta fórmula lle permite ao Concello ofrecerlle traballo durante uns seis meses -prazo previsto de remate dos traballos- a catro profesionais cualificados da construción dque se encontraban en situación de desemprego.

O Concello solicitoulle ao Servizo Público de Emprego Estatal un listado con quince perfís profesionais de oficiais de primeira entre os que un tribunal de selección formado por tres funcionarios municipais elixiu as catro persoas contratadas finalmente. Todas elas son veciños do concello e a media de idade supera os 45 anos, unha das franxas demográficas nas que é máis difícil atopar traballo nun contexto de crise que se cebou especialmente coa construción.
Creación de emprego e fixación de poboación

O alcalde, Secundino García, visitou esta mañá as obras en compaña da concelleira de Obras e incidiu na “importancia social dun proxecto que persegue tres grandes obxectivos: por en valor un patrimonio que está practicamente en desuso, contribuír á creación de emprego no concello e axudar a fixar poboación no rural.”

Os proxectos de rehabilitación das dúas escolas levan varios meses elaborados e recollen as características que terán as futuras vivendas unifamiliares. Respectarase no posible a estrutura existente e sustituiranse todos os elementos en mal estado, aproveitando para facer divisións e incorporar elementos de eficiencia enerxética como paneis solares, cociña calefactora ou, como no caso de Naraío, unha galería orientada ao sur que axude a caldear a casa no inverno.

Desde o goberno local sinálase que, unha vez rematadas, as vivendas destinaranse a alugueiro ou ben á súa venda. As dúas posibilidades están abertas polo momento e, en calquera caso, daráselle prioridade na súa ocupación a familias empadroadas no concello.

San Sadurniño afronta esta primeira intervención nas vellas unitarias como un proxecto piloto que se quere continuar se se obtén un resultado satisfactorio. De feito, o municipio ten outros edificios semellantes en desuso, como son a escola de Silvalonga, a da Leiriña ou o antigo grupo escolar de Igrexafeita, susceptibles todos eles de se converter en vivendas asequibles.

2 de abril de 2013 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.