San Sadurniño informa sobre a aplicación do canon da auga nas facturas da traída municipal
A nova lei de augas de Galicia introduce como principal novidade un canon sobre o consumo da auga que se comezou a aplicar en xullo do ano pasado coa publicación do decreto que o regula. Para informar sobre este canon o Concello organizou unha charla á que acudiron unhas 30 persoas. Nela explicouse pormenorizadamente en que consiste este tributo, como se calcula e tamén o incremento que supón nos recibos.
Por causa da adaptación a esta normativa, en San Sadurniño produciuse un retraso na preparación dos recibos da segunda metade do ano pasado. Por esta razón acaban de pasarse os correspondentes ao segundo cuadrimestre de 2012 e durante este ano irase regularizando a situación ata poñer os cobros ao día.
Porén, o que lles chamou a atención a moitos usuarios non foi tanto o retraso senón o incremento que se produciu na factura. Ese aumento, que nalgúns casos chega a un 69% con respecto ao que viñan pagando, débese á aplicación das cotas estipuladas no canon. A normativa aprobada no Parlamento galego co apoio do grupo popular, indica que deberán ser os Concellos ou entidades subministradoras quen o cobren este gravame para despois transferirlle o seu importe íntegro a Augas de Galicia.
Desta maneira os recibos que están chegando ás casas reflicten por unha banda o custe do servizo de subministración que ofrece o Concello e, por outra, o importe do canon que o Concello ten a obriga de cobrar para ingresarllo á Xunta.
Para o usuario a explicación que vén na factura ten valor informativo, pero o que máis lle importa é o que ten que pagar. E aí é onde se máis se nota o canon. Por exemplo, unha vivenda unifamiliar de tres persoas que pagaba de media unhs 22 euros polo último cuadrimestre, agora terá que sumarlle a esta cantidade outros 16 correspondentes ao canon.
Outro exemplo: un negocio que antes andaba nos 270 euros, agora verá incrementada a factura noutros 175. Estas cantidades non son fixas, senón que varían duns casos a outros dependendo do consumo real e do seu encaixe nos tramos definidos no regulamento autonómico do canon, ademais de factores como o número de persoas que habiten no domicilio.
A normativa establece, iso si, deducións dun 50% do canon para familias numerosas e exencións para aquelas que estean nunha situación de exclusión sempre e cando as soliciten formalmente. A este respecto o alcalde sinalou na xuntanza informativa do venres que os servizos sociais municipais facilitarán os informes necesarios e que mesmo axudarán a tramitar estas solicitudes, que se lle deberá remitir á Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Na xuntanza tamén se informou de que, polo momento, en San Sadurniño non se está a aplicar o canon no apartado referido ao coeficiente de vertedura, é dicir, o pagamento tamén polo que se verte nos sumidoiros e que se calculará en base ao consumo. Segundo asegurou Secundino García, o coeficiente de vertedura só será de aplicación se nalgún momento Augas de Galicia asume a xestión da depuradora municipal.











