San Sadurniño aproba unha declaración institucional en contra do traslado da oficina de valoración da dependencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A xunta de goberno local acordou este luns facer unha declaración institucional contraria ao traslado á Coruña do servizo de Valoración da Dependencia e Discapacidades. Este departamento da Xunta con sede en Ferrol atende 31 concellos da comarca, desde Betanzos ata o Ortegal. Ademais de centralizar na Coruña o servizo, a Xunta tamén prevé amortizar os postos de traballo que ata agora existían na cidade departamental. A declaración institucional levarase ao pleno de maio para ser votada por todos os grupos da corporación.

A Oficina de Valoración da Dependencia e Discapacidades, dependente da Consellería de Traballo e Benestar leva instalada no edificio administrativo da praza de España dende o ano 2007. Este servizo público préstalle atención á terceira zona poboacional de Galicia, con máis de 240.000 persoas distribuídas en 31 concellos das comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal e Betanzos.

A intención da Xunta de Galicia é levar o servizo para a Coruña e amortizar 6 postos técnicos que traballan en Ferrol en tarefas relacionadas co procedemento de valoración de Dependencia.

O goberno local de San Sadurniño oponse a estas medidas a través dunha declaración aprobada en xunta de goberno local. Nela arguméntase que o traslado da oficina significa “un afastamento físico e xeográfico” dun servizo público que atende principalmente a un colectivo especialmente sensible. Ademais, segundo o texto aprobado pola xunta de goberno, levar a oficina de valoración para A Coruña “implicaría a perda doutra unidade administrativa nunha bisbarra tan necesitada de actividades e recursos”.

Estes e outros argumentos sosteñen a declaración institucional que se levará ao pleno do próximo 4 de maio de cara a que o resto de grupos municipais lle dean o seu apoio. Os puntos principais son o da oposición á eliminación da oficina do servizo de Valoración da Dependencia, o rexeitamento da amortización dos postos de persoal técnico e a demanda de que se melloren os servizos que se lle ofrecen ás persoas en situación de dependencia.

Nos últimos días producíronse peches tanto en Ferrol como en Santiago de Compostela en protesta pola centralización na Coruña das oficinas de valoración da dependencia.

23 de abril de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.