Ribadumia aspira a desenvolver a Acción Formativa para Desempregados de xestión administrativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia, a través do departamento de Emprego, solicita unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar para poder desenvolver no municipio unha nova Acción Formativa para Desempregados, co obxectivo de mellorar a especialización e aumentar a inserción laboral da cidadanía. A proposta de Ribadumia é ofrecer ás persoas desempregadas formación de xestión administrativa, unha das ramas para as que a Casa da Cultura de Ribadumia xa está homologada como centro de formación.

Desde o Concello de Ribadumia esperan poder impartir o curso nos próximos meses. As prazas dispoñibles sería de quince alumnos, persoas que se atopen en situación de desemprego e que estean inscritas na Oficina de Emprego. Estaría impartido por profesores titulados. A través desta proposta, os alumnos teñen a oportunidade de aprender un oficio, especializarse dentro dunha profesión ou ampliar os seus coñecementos sobre ela.

Os obxectivos do curso serían ensinar ao alumnado a realizar as operacións da xestión administrativa de compravenda de produtos e servizos, tesourería e persoal, así como a introdución de rexistros contables redefinidos. A acción formativa tería unha duración de 898 horas presenciais. Con este curso, o alumnado consegue as competencias para realizar xestións administrativas do proceso comercial; de tesourería; apoio administrativo de recursos humanos; rexistros contables; introducir datos e textos en terminais informáticos en condicións de seguridade, calidade e eficiencia; xestionar o arquivo en soporte convencional e informático; e manexar aplicacións de ofimática na xestión da información e a documentación.

O Concello de Ribadumia ten homologada a Casa de Cultura de Ribadumia como centro de formación AFD, co obxectivo de aumentar a oferta de cursos de formación e especialización das persoas que se atopan en situación de desemprego. Esta homologación conseguiuse o ano pasado. Con esta homologación, a Casa da Cultura de Ribadumia pasa a formar parte do Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar. Deste xeito, Ribadumia aumenta as posibilidades de incluír na súa oferta formativa os cursos AFD.

Obradoiro de alfabetización dixital

Por outra banda, na Casa da Cultura continúa desenvolvéndose os martes o obradoiro de alfabetización dixital orientado á procura de emprego en internet. Unha persoa voluntaria, adscrita ao Servizo de Voluntariado Dixital, imparte esta actividade os martes pola tarde na Aula de Informática da Casa da Cultura de Ribadumia. Está destinado a persoas en situación de desemprego, derivadas a través do servizo de orientación laboral municipal. O obradoiro promove a alfabetización dixital orientada á procura de emprego en internet: a redacción dun curriculum vitae en formato word e pdf; creación e manexo dunha conta de correo electrónico; a inserción e seguimento dun curriculumn vitae nos principais portais de emprego e empresas de traballo temporal; uso do portal da Oficina de Emprego Público; e procura de ofertas de emprego mediante RSS.

2 de abril de 2013 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.