Rey Varela visita o CEIP Almirante Juan de Lángara para supervisar as actuacións realizadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Visita do rexedor ao centro educativo

Visita do rexedor ao centro educativo

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta tarde as instalacións do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Almirante Juan de Lángara, en compañía dos edís de Participación e Educación do Concello de Ferrol, Jose Manuel Vilariño Anca e Susana Martínez Galdós, respectivamente. No recinto escolar, o rexedor municipal repasou con parte do equipo directivo do CEIP algunhas das actuacións realizadas polo actual Goberno Municipal para a mellora e mantemento do colexio, ademais de escoitar as demandas da comunidade educativa. E ao fío das necesidades do CEIP, Rey Varela avanzou que se dotará ao colexio dunha horta escolar, tal e como ten solicitado o profesorado. No percorrido polo CEIP tamén participou, a instancias do alcalde, o xerente de Emafesa co obxectivo de atender as demandas do colexio no que atinxe á deficiencias na rede de abastecemento.

No que atinxe ás actuacións de mantemento e mellora levadas a cabo nestas instalacións no que levamos de mandato, estas son:

– Instalación dunha fonte, cun investimento de 2.333,91 euros.

– Reparación dos servizos (2.286,24 euros).

– Reparación de emparrillado de madeira e colocación de falso teito no ximnasio do centro (5.171,72 euros).

– Limpeza de cubertas e outras obras menores de reparación e mantemento por valor de 7.672,10 euros.

– Adecuación da área de xogos infantís, que supuxo un investimento de 45.566,89 euros.

A estas cifras hai que engadir a asunción dos gastos de electricidade do CEIP e o abonamento do consumo eléctrico do centro dende a data de transferencia do mesmo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia no exercicio de 2007, os cales ascenden a un total de 17.042,73 euros.

Esta visita do alcalde de Ferrol ao CEIP Juan de Lángara forma parte da rolda de contactos que Rey Varela retoma cos responsables dos centros educativos, entidades veciñais, culturais, sociais e o movemento asociativo en xeral da cidade. O obxectivo é coñecer de primeira man as novas demandas e necesidades deste tecido social de cara a encarar a segunda parte do presente mandato.

 

16 de abril de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.