Rey Varela presidirá a inauguración da “XXIV Feira do Libro” de Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidirá a inauguración da “XXIV Feira do Libro, da Lectura e da Palabra”, que terá lugar pasadomañá venres ás 19:00 horas na praza da Constitución. O acto inaugural contará coa actuación do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol; e o pregoeiro será Celso Fernández San Martín. O Concello de Ferrol dedica esta nova edición da feira do libro ao mestre ferrolá Ricardo Carvalho Calero, para o que a Corporación Municipal vén de solicitar formalmente á Real Academia Galega (RAG) que lle dedique o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2014.
Así mesmo, e xa dende antes da apertura oficial, haberá actividades infantís. Así, a partir das 10.00 horas comezarán os talleres para os máis pequenos; e a apertura ao público dos mostradores terá lugar ás 11.00 horas. Os postos dos distintos expositores e actividades permanecerán abertos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, alongándose o horario de mediodía ata as 14:30 na fin de semana. A feira desenvolverase na praza da Constitución ata o vindeiro martes 23 de abril .
A figura de Carvalho Calero será a protagonista durante a feira do libro. Así, haberá obradoiros infantís dedicados a obra e vida deste ferrolán na que os participantes traballarán con chapas e cadernos. Estes obradoiros se realizarán en dous grupos o venres, sábado, luns e martes en horario de 10:00 a 11:30 -o primeiro- e 12:00 a 13:30 -o segundo-. Tamén haberá unha mención especial a Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado no Día das Letras Galegas, coa presentación do libro e audiovisual “Un chapeu negro e un nariz de paiaso”, e coa función teatral “Touporroutou”, que porá en escena para un público infantil a compañía “Maquinarias”.
Librarías participantes
Por outra parte, o listado de expositores participantes locais comprende á Libraría Cortizas, Metrópolis Cómics -especializada en cómic-, Central Librera Dolores -especializada en libro naval e militar- e Espacio Lector Nobel ; dende Vigo, a Libraría Cartabón -especializada en libro dixital- e A Serpe Edicións. Ademais, este ano destacan dúas novidades: unha caseta para biblioteca infantil, cun amplo catálogo de libros infantís a disposición dos máis pequenos, e unha caseta outlet, con libros descatalogados e de ocasión.
Por último, compre salientar que a feira da cidade naval será a primeira das once que conforman este ano o calendario oficial de feiras do libro novo que organiza a Federación de Libreiros de Galicia. Ademais, a mostra conta co apoio do Concello de Ferrol para a súa organización.











