Rey Varela preside as XIV Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde

Rey Varela na inauguración
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a inauguración das XIV Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde, que até o vindeiro venres 26 de abril teñen lugar no Salón de Actos do Centro de Innovación e Servizos de Galicia (CIS-A Cabana) baixo a organización da Asociación de Graduados Sociais de Ferrol. Ademais do primeiro edil da cidade, no acto de apertura deste encontro tamén interviñeron o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito; o decano da Facultade de Ciencias do Traballo, Moisés Alberto Núñez; e a presidenta da Asociación de Graduados Sociais de Ferrol, Pilar Millor Arias.
No seu discurso, Rey Varela salientou o “acerto” dos organizadores en dedicar de novo estas xornadas a abordar a incidencia da crise económica no marco laboral, como xa fixeran na edición anterior. “A crise económica exprésase en tódolos campos e a súa peor faciana está nas persoas que o están pasando mal. A peor consecuencia da crise non é o déficit público nin a prima de risco, son as persoas”, dixo o alcalde. E ao fío desta reflexión, Rey Varela sinalou que “a obriga das Administracións Públicas é minimizar o impacto da crise sobre as persoas mediante o destino de recursos públicos a paliar esta situación”. No complexo contexto económico actual, o alcalde se mostrou “máis partidario que nunca de escoitar, debater e, sobre todo, reflexionar, sobre ideas, medidas e solucións que permitan saír da actual situación”.
Por último, Rey Varela felicitou a Asociación de Graduados Sociais de Ferrol, lembrando que esta entidade ten recibido o merecido recoñecemento da Corporación Municipal de Ferrol ao entregarlle a Insignia de Ouro da Cidade –acordo plenario do 26 de decembro de 2011- “polas interesantes achegas ao mundo laboral que esta fai a través de xornadas como a que hoxe inauguramos”.











