Rey Varela presenta o plan de oportunidades do Concello para reforzar a capitalidade da cidade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, deu conta dos asuntos abordados hoxe na Xunta de Goberno Local, cuxa orde do día estivo marcada por “temas que teñen que ver cun dos eixes de actuación prioritarios para o actual Goberno Municipal: o compromiso coas persoas”, apuntou o rexedor. Así, a sesión ordinaria do Executivo que preside Rey Varela foi o marco no que se aprobaron os primeiros Plan de Oportunidades e de Familia, Infancia e Adolescencia –os dous para o período 2013-2015- do Concello de Ferrol. Estas dúas medidas responden a compromisos que no seu día anunciou o primeiro edil da cidade e, de feito, xa se teñen posto en marcha medidas relacionados cos devanditos planes.
Así, e no que atinxe ao I Plan de Oportunidades do Concello de Ferrol, o rexedor explicou que deste programa xorden propostas como as becas para escolas infantís; a modificación do regulamento municipal para a concesión de axudas de emerxencia social; a creación dunha bolsa de vivendas sociais en Recimil; o programa Conduce Ferrol para facilitar a obtención do carné de circulación; a entrada en funcionamento do novo Servizo de Información e Dinamización Xuvenil da Casa da Xuventude; a nova Ordenanza para a conservación, rehabilitación de edificios e solares, e para a mellora da accesibilidade ou as licencias exprés.
Ao fío disto, Rey Varela explicou que o Plan de Oportunidades “é una aposta clara por poñer en valor Ferrol como cidade competitiva en que ofrecemos unha ampla oferta de servizos, recursos e oportunidades para o desenvolvemento integral dos seus veciños e veciñas, e para levar a cabo un estilo de vida atractivo e de calidade”. “Como alcalde de Ferrol teña a obriga de defender unha visión en positivo da cidade, pese o actual contexto económico agravado nesta zona pola crise do naval, porque dispoñemos de toda unha serie de recursos que reforzan a capitalidade de Ferrol no noroeste de Galicia”, manifestou Rey Varela.
Recursos
Neste sentido, o Plan de Oportunidades trata de reforzar a capitalidade de Ferrol no seu contorno xeográfico máis próximo, para o que divulga os recursos educativos, na área de atención á cidadanía e benestar social, comercio e hostalería, cultura e ocio, medio ambiente e urbanismo. “Toda unha serie de servizos e posibilidades que, de maneira conxunta, soamente podemos atopar en Ferrol”, explicou o alcalde.
Rey Varela referiuse a algún destes recursos, ao tempo que apuntou algúns novos que se crearán no que resta de mandato. Entre outros, referiuse á nova escola infantil de Esteiro, que creará 82 novas prazas; e outra máis proxectada na zona de Ultramar-O Bertón; a creación dunha ludoteca municipal na praza de España; a ampliación da rede de comedores sénior aos barrios de Esteiro e Catabois ou a construción do Centro Cívico e para as Persoas Maiores de Canido. Así mesmo, o impulso do Centro Municipal de Emprego e do Plan de Dinamización do Comercio e a Hostalería, son outros das liñas recollidas no Plan de Oportunidades.
Así mesmo, o primeiro edil da cidade referiuse á necesidade de divulgar e poñer en valor a Marca Ferrol. “Temos un entorno privilexiado que fan de Ferrol unha cidade única, con 11 praias e máis de 10 quilómetros de areal; e cunha das ofertas de turismo industrial máis importante de Europa como é a Ruta do Naval. Son cuestións que temos que seguir aproveitando como impulsoras da economía local e xeradoras de emprego”, concluíu.
Plan de Familia, Infancia e Adolescencia
A Xunta de Goberno Local tamén deu hoxe luz verde ao I Plan de Familia, Infancia e Adolescencia do Concello de Ferrol para o período 2013-2015. Un documento que ten por obxecto facer unha diagnose da situación actual neste ámbito e dispoñer dun plan de acción, así como mellorar a coordinación de todos os recursos e servizos que se están a prestar dende a Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude.
Ao respecto dese plan, o alcalde enumerou algunhas das propostas que contén: o mantemento de obradoiros e actividades formativas e de concienciación; creación dun protocolo para a Área de Servizos Sociais para traballar na detección e seguimento de situacións de desprotección de menores, continuando co servizo de atención a menores en risco xa operativo; adscrición ao programa “Cidades Amigas da Infancia” de Unicef ou continuidade do servizo de Mediación Familiar.
Conecta Ferrol e Carné Xove
Por último, aínda que relacionado con medidas que está a adoptar o Goberno Municipal que redundan directamente na cidadanía, a Xunta de Goberno Local aprobou dúas cuestións das que se beneficiará o colectivo xuvenil da cidade. O primeiro deles é a actualización do compromiso de emisión do Carné Xove da Xunta de Galicia, de tal xeito que este carné tamén se expedirá na Casa da Xuventude e non exclusivamente no Edificio Administrativo da Xunta como viña sucedendo até o de agora.
E un segundo asunto vinculado á Concellería de Xuventude que se tratou na reunión de hoxe do executivo local foron as bases de “Conecta Ferrol”, programa de axuda para a compra dun ordenador. O obxectivo desta iniciativa é facilitar, axudar e mellorar a formación da mocidade durante a etapa educativa de ESO e bachillerato. Así, o Executivo local outorgará axudas de 200 euros por persoa beneficiaria para a compra dun ordenador sempre que cumpra cos seguintes requisitos: estar empadroada no Concello de Ferrol cun mínimo dun ano de antigüidade, ter entre 12 e 18 anos de idade e acreditar uns determinados niveis de ingresos económicos netos anuais da unidade familiar non superior a 2,5 veces o IPREM. O número máximo de persoas beneficiarias será de 50, segundo se recolle no borrador das bases deste programa que se levará a comisión informativa para que os grupos municipais fagan as súas achegas se así o consideran oportuno.











