Rey Varela pon en marcha dous novos plans para sinalización e pintado da cidade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou dos asuntos máis importantes abordados na Xunta de Goberno Local desta mañá e que, tal e como explicou, “teñen relación cun dos obxectivos do executivo municipal que non é outro que embelecer e atender ao día a día da nosa cidade que presentaba un importante estado de deterioro nas cousas máis do cotián e que tamén é responsabilidade deste goberno darlle resposta”. Así, Rey Varela anunciou que o vindeiro día 29 de abril comezarán a desenvolverse dous planes integrais de pintado e sinalización da cidade e de roces e limpeza de camiños e cunetas na zona rural. A empresa Tragsa ocuparase de executar estas dúas actuacións ao abeiro do novo Plan de Barrios, que se completará con outro programa integral para a instalación de papeleiras que se presentará en vindeiras datas.
Ao respecto do Plan de Sinalización e Pintado, o primeiro edil da cidade detallou que os obxectivos son a mellora da seguridade viaria e da regulación do tráfico rodado, así como, “e non menos importante, mellorar a imaxe dunha cidade que tiña desatendida o pintado e sinalización”. O Concello de Ferrol investirá 300.000 euros neste programa integral, o que supón “o maior investimento económico feito por un Goberno Municipal para o pintado e sinalización da cidade, multiplicando por cinco a cantidade que se viña destinando anualmente a estas tarefas”, subliñou Rey Varela. Así, tres brigadas de operarios actuarán de maneira simultánea en diferentes lugares da cidade e parroquias do rural dentro deste Plan de Sinalización e Pintado, que se desenvolverá en catro meses. “Con esta medida estamos respondendo a unha das principais peticións que temos recollido da cidadanía a través da Concellería de Participación. A primeira era o estado dos viarios e beirarrúas da cidade –e por iso puxemos en marcha o servizo de Obras, Reparacións e Mantemento- e a segunda é o pintado e sinalización –e de aí este novo plan-“, apuntou o alcalde. “Este alcalde e o seu goberno está para atender e escoitar á cidadanía, e para poñer os medios e as medidas necesarias para atender ás deficiencias e demandas que esta nos propón diariamente”, engadiu.
Así as cousas, o Executivo local destina anualmente un millón de euros ao Plan de Pintado de Sinalización e o servizo municipal de Obras, Reparacións e Mantemento de Viarios e Beirarrúas. Un investimento que é posible acometer nos actuais momentos de especial complexidade económica “grazas a unha xestión eficiente e responsable dos recursos públicos”, dixo o alcalde. “Este é o mandato no que máis se está a investir no día a día da cidade, e estámolo facendo a pesar de que hoxe dispoñemos dun Presuposto Xeral do Concello de Ferrol con 20 millóns de euros menos que o orzamento de 2010”, subiliñou Rey Varela.
Limpeza e rozas na zona rural
No que atinxe ao Plan de Roces e Limpeza de camiños e cunetas nas parroquias do termo municipal, o investimento no mesmo ascende a algo máis de 76.000 euros, e desenvolverase dende o vindeiro 29 de abril até o 29 de xullo. Así mesmo, e mentres se executa este plan, o Concello de Ferrol preparará o prego de condicións que rexerá a segunda parte deste plan que se executará entre setembro e outubro. Estas primeiras actuacións de roce e limpeza dos camiños do rural “ademais de contribuír á seguridade viaria permitirá que a zona de praias estea perfectamente acondicionada para o inicio da temporada de verán”, dixo o rexedor ferrolán.
Serán dúas as cuadrillas de operarios que se ocuparán de actuar nos camiños e cunetas das parroquias do municipio. En cifras, entre este mes e xullo intervirase en: cerca de 202.777,78 metros lineais de viarios; 15.000 metros lineais de marxes de camiños e 50.000 metros cadrados de limpeza de maleza, herbas, etc., en terreos de carácter público.
Por outra parte, o alcalde tamén deu conta da licitación dun novo programa dirixido ás mulleres do rural que ten por obxecto fomentar o autoemprego e o cooperativismo mediante obradoiros que se desenvolverán nos locais veciñais das parroquias de maneira itinerante e durante seis meses, a partir da adxudicación e firma do contrato. Esta iniciativa está impulsada pola Concellería de Igualdade e, a través dela, ofrecerase ás mulleres itinerarios personalizados de inserción laboral e se farán accións formativas encamiñadas á creación de cooperativas de traballadoras que podan desenvolver servizos de proximidade relacionados ao contorno e que xeren riqueza e servizos no rural. Para a posta en marcha deste programa, a Área de Igualdade do Goberno Municipal conta cunha achega da Deputación Provincial da Coruña por valor de 40.000 euros.
Centro Concepción Arenal e Auditorio de Ferrol
Por último, Rey Varela informou de que a Xunta de Goberno Local decidiu designar como Centro Concepción Arenal o edificio situado na rúa Magdalena números 202 e 204, así como designar o novo equipamento cultural localizado en Telleiras como Auditorio Municipal. Ao respecto do Centro Concepción Arenal, o alcalde explicou este nomeamento “é o punto de partida para a celebración do bicentenario do nacemento desta ilustre ferrolá”.
Ao respecto do Auditorio de Ferrol, o rexedor sinalou que optouse por esta denominación coa finalidade de difundir o nome da cidade a través destas magníficas instalacións e da programación que acollerán unha vez que rematen os traballos de dotación do equipamento técnico e escénico, os cales xa comezaron. Ademais, Rey Varela avanzou que a Concellería de Cultura ten ultimado un programa de visitas guiadas aos tres grandes equipamentos culturais da cidade: o Auditorio de Ferrol, o Teatro Jofre e o Centro Torrente Ballester, que “nos sitúan á algura das grandes cidades de Galicia en canto a espazos culturais”, manifestou.











