Rey Varela entregou hoxe os premios aos gañadores do certame “Tapéate Ferrol”

O rexedor xunto aos premiados
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a entrega de premios aos gañadores do primeiro certame “Tapéate Ferrol”, acompañado polo presidente da Deputación Provincial da Coruña e edil de Turismo do Concello de Ferrol, Diego Calvo Pouso; e polo presidente da Hostalería de Ferrol e Comarca, Julio Martínez Martínez. O acto tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial.
Esta iniciativa promovida polo Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo, e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, contou coa participación de 42 establecementos hostaleiros situados en diferentes puntos da cidade. Na súa intervención, o primeiro edil da cidade quixo agradecer a boa acollida que tivo entre os hostaleiros esta iniciativa, así como a súa participación, posto que con ela “contribúen a conseguir un dos obxectivos que persegue a Corporación Municipal, que é dinamizar os barrios e recuperar as rúas da cidade para a xente”. Ademais, considerou o balance do primeiro certame de “Tapéate Ferrol” como positivo, animando a que na próxima edición sexan máis os locais que formen parte da proposta. Os locais participantes estiveron principalmente nos barrios da Magdalena, Ferrol Vello, Esteiro, Ultramar e estrada de Catabois, aínda que tamén algúns estaban situados noutros puntos da cidade. Rey Varela subliñou que “dende o goberno local apoiamos este sector fundamental para a nosa cidade porque creo que os hostaleiros teñen un papel importante para a mellora da Marca Ferrol”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación Provincial da Coruña e concelleiro de Turismo, Diego Calvo Pouso, manifestou a súa ledicia pola boa acollida da proposta “tanto por parte dos establecementos de Ferrol coma polo público”. Así mesmo, manifestou a súa confianza en que na seguinte edición participen máis hostaleiros e que se “amplíe a participación a outros barrios”.
Premios
No que atinxe aos premios, estes recaeron en:
– 1º premio á mellor tapa elixida polo xurado de expertos: o local O Camiño Inglés, en Ferrol Vello, pola degustación Escabechona de xurel. (600 euros en metálico)
– 1º premio á tapa elixida polo público: Mesón Mateo, situado en Ultramar, por “Échale huevos”. (400 euros en metálico)
– 2º premio á tapa elixida polo público: local “La Casa de Troya”, emprazado en Catabois, pola tapa “chipiróns recheos en cama de grelos”. (300 euros en metálico)
– 3º premio á tapa elixida polo público: Mesón Alfonso, en Ultramar, con Solomillo de cerdo ibérico en salsa de champinóns. (200 euros en metálico)
Ademais, deuse entrega dos premios aos clientes que resultaron gañadores do sorteo de aloxamentos en casas de turismo rural. Así, o primeiro premio de clientes foi para Jesús Antón Albariño; e o segundo para Teresa Lostres Alonso. Os premios consisten, neste caso, nun paquete para dúas persoas nun aloxamento rural en Monfero, que inclúe noite con almorzo e aluguer das bicicletas eléctricas das Fragas do Eume; e o paquete turístico “En tren polo Norte”, que consiste en aloxamento dúas noites no hotel da natureza Vía Láctea –inclúe almorzo e unha ruta guiada polos cantís de Loiba, a chamada rúa das algas, e a baixada en kayak ou zodiac pola ría do Barqueiro.











