Rey e Hernández entregan as chaves das vivendas interxeracionais de Telleiras

Entrega das vivendas
O alcalde de Ferrol e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Jose Manuel Rey Varela e Agustín Hernández, respectivamente, asistiron esta mañá á entrega de chaves das vivendas interxeracionais de Telleiras, situadas no barrio de Caranza. O acto, que se desenvolveu no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, contou tamén coa presenza da delegada territorial do Goberno autonómico, Belén do Campo.
O rexedor ferrolán destacou “a boa noticia” que supón a entrega destes pisos promovidos pola Xunta de Galicia. “A responsabilidade das administracións é cumprir, dentro das súas posibilidades, co obxectivo de que cada persoa teña unha vivenda digna”, engadiu Rey Varela. Así as cousas, a Administración autonómica investiu 3,7 millóns de euros na construción deste inmoble de promoción pública. Hoxe entregaronse as chaves de 33 pisos que son adxudicados en réxime de alugueiro –quedando 10 pendentes de nova adxudicación- que habitarán mozos menores de 35 anos e persoas maiores de 60. Os inquilinos das vivendas pagarán entre 58 e 105 euros mensuais, incluíndo rocho e garaxe.
Na súa intervención, o titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinalou que “por mor das moitas incidencias que xurdiron a entrega de chaves destas vivendas ten lugar máis tarde do que houberamos desexado”.O Executivo galego tivo que solucionar previamente todos os problemas que impedían a entrega destas vivendas, derivados dunha xestión ineficaz dende os seus comezos en 2007.
Visita ao edificio
Tralo acto de entrega das chaves das vivendas, o alcalde e o conselleiro visitaron o edificio interxeracional. O inmoble consta dun soto que alberga rochos e garaxes, unha planta baixa na que se atopa un centro de día e tres vivendas, e tres plantas superiores nas que se distribúen as restantes 40 vivendas. Cabe citar que os pisos entregados hoxe dispoñen de cociñas amobladas e as instalacións eléctricas preparadas para vivir.











