Reunión con representantes da Asociación de Empresarios do Val Miñor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, mantivo onte unha reunión con Alfonso Misa e Raul Pedreira, vocais da Asociación de Empresarios do Val Miñor (OVALMI).

A cita tivo como principal obxectivo fomentar a cooperación entre ambas as dúas institucións, impulsando novas liñas de colaboración co fin de conseguir que a actividade comercial da zona se estabilice e consiga emprender novos proxectos.

Neste encontro abordáronse varios temas que afectan e preocupan á entidade que representa ao comercio e industria da Comarca do Val Miñor. En concreto, dende a Asociación solicitáronse axudas para conseguir manter e mellorar as estruturas e promoción do comercio, ante a baixada que ultimamente se rexistrou neste tipo de actividade. “Na situación actual hai moitas empresas que non aguantan o tirón”, explica Ral Pedreira, vocal de OVALMI.

Guitián recoñece que “é importante ter obxectivos comúns e que todos unamos forzas para conseguir que a Asociación de Empresarios funcione nun momento no que o comercio rexistrou unha baixada na súa actividade”.

Do mesmo modo, o alcalde do municipio manifestou a súa disposición a apoiar calquera medida que contribúa a dinamizar o tecido comercial da zona, xa que “facelo é contribuír á propia dinamización da vida económica de Gondomar”.

Por outra parte, OVALMI trasladou ao rexedor gondomareño a necesidade de que se axilicen os trámites para a resolución definitiva do Plan Xeral, ante o que Guitián mostrou o seu compromiso e desexo de levalo a cabo canto antes.

2 de abril de 2013 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.