Reparada unha focha de grandes dimensións na Avenida Feira de Gondomar
A Concellaría de Vías e Obras, que dirixe Jesús Salgueiro, efectuou a reparación dunha focha na Avenida Campo da Feira de Gondomar.
A focha, provocada a causa da rotura dunha arqueta de pluviais, ocasionou que un camión, que transportaba materiais de construción, quedase embarrancado bloqueando a circulación nun carril da vía.
Tras a comprobación da devandita focha, a Policía Local remitiu unha notificación na que daba conta do incidente. Nela informábase de que debaixo do firme asfáltico existía un oco de grandes dimensións (3,5x3m), o que supoñía un gran perigo xa que por esa vía circulan frecuentemente vehículos de gran tonelaxe.
Despois de que operarios do Concello de Gondomar comparecesen no lugar e sacasen o camión da focha restableceuse o tráfico durante unha hora.
A reparación do burato realizouse a cargo de Conservación de Estradas da Xunta de Galicia e operarios da Concellaría de Vías e Obras do Concello.











