Rapaces e rapazas de Canarias, Badajoz, Valladolid e Valencia conviven co alumnado do Parga Pondal

Alumnos de intercambio
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir no salón de plenos da Casa do Concello a un grupo de arredor de 20 rapaces e rapazas chegados de centros de ensino de Tordesillas (Valladolid), Hornachos (Badajoz), Puçol (Valencia) e Jandía (Fuerteventura) que visitan a vila dentro do proxecto Agrupación ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos). Acompañados de profesores dos seus institutos, así como de profesorado do IES Parga Pondal e alumnos e alumnas deste centro que actúan como anfitrións de ARCE en Carballo, foron recibidos pola Concelleira de Educación, Mar Eirís; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; e o Alcalde carballés, Evencio Ferrero. O Alcalde aproveitou para falarlles un pouco do municipio, especialmente das feiras e feiróns, xa que tiveron a oportunidade de visitar o mercado tradicional ao tratarse dun xoves. Así mesmo, lembrou a historia da vila, explicando a súa orixe grazas ás augas termais ou a presenza do volframio e a importancia da súa explotación nos anos 40. Despois de invitar aos rapaces e rapazas a preguntar o que quixeran sobre a vila, desexou que “a actitude mediadora” do programa ARCE no que participan “teña un reflexo na sociedade” no futuro xa que é algo necesario “para avanzar e solucionar conflictos”. Por último, agradeceu a visita esperando que “teña continuidade”.
Durante a súa estadía, os representantes de Valladolid, Badajoz, Valencia e Fuerteventura conviviron co alumnado do instituto carballés e as súas familias, ademais de visitar numerosos puntos de interese da comarca, como o refuxio de Verdes, o espazo natural de Razo-Baldaio, o Cabo Fisterra, a Fervenza do Ézaro ou o Dolmen de Dombate, e de fóra dela, como Santiago de Compostela. O xoves 25 ás 19.30 horas é o acto de despedida antes de que volvan ás súas localidades respectivas. O programa ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos) é unha iniciativa do Ministerio de Educación e Cultura (MEC) que se está a levar a cabo en todo o territorio español dende o ano 2006. O proxecto ten como finalidade establecer canles de colaboración para formar agrupacións e redes de centros ou institucións do ámbito educativo de diferentes comunidades autónomas, a través da elaboración dun proxecto común, co fin de compartir experiencias, así como manter e xeneralizar iniciativas de innovación que faciliten melloras na práctica educativa. O IES Isidro Parga Pondal participa a través dun proxecto leva o título “Redes para convivir en positivo” e foi o único concedido en toda Galicia na temática de Convivencia nos Centros Educativos. Esta agrupación implica traballar en colaboración con centros doutras comunidade autónomas durante os cursos 2011-2012 e 2012-2013 para desenvolver aspectos relacionados coa convivencia.











