Preto de 50 persoas interésanse polo curso de manexo de carretillas elevadoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia organiza dous novos cursos de seguridade no manexo de carretillas elevadoras segundo marca o RD 1215/97, no que participarán cincuenta persoas. A alta demanda de inscritos provocou que desde o concello se organizase unha segunda edición do curso, completando así todas as prazas dispoñibles. Este venres e sábado organízase a primeira edición, mentres que o segundo curso desenvolverase os días 12 e 13 de abril. Trátase dunha das formacións máis demandadas na comarca do Salnés, principalmente para traballar en empresas conserveiras e demais almacéns.

A formación desenvolverase os dous fins de semana na Casa da Cultura de Ribadumia. O venres, en horario de 16.00 a 21.00 horas e o sábado, de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas, e destínase a principalmente a persoas en situación de desemprego. Desde o Concello de Ribadumia destacan a importancia de facilitar a formación en profesións con alto índice de inserción laboral. O carretillero acostuma a traballar en almacéns e encárgase da condución de carretillas, sexan automáticas, semiautomáticas ou manuais. A súa función é trasladar a mercancía ou material dun lugar a outro, aproveitando ao máximo o espacio do almacén e dominando as maniobras máis comúns, respectando todas as medidas de prevención e riscos laborais implantados.

Durante o curso, que inclúe horas prácticas en carretilla elevadora, o alumno coñecerá os elementos da carretilla, aprenderá a facer as maniobras máis comúns e coñecerá a sinalización que pode atopar nas empresas, así como as normas de seguridade específicas, como se debe xestionar un almacén, os riscos laborais…

O Concello de Ribadumia xa organizou a principios de xaneiro un curso de carretilleiro, para o que tamén se completaron as prazas dispoñibles. O obxectivo é facilitar a formación dentro do municipio, evitando os desprazamentos, e garantindo que teñan os coñecementos precisos para mellorar a súa inserción laboral. O curso de carretilleiro compleméntase co curso de manipulador de alimentos. Corenta persoas obtiveron o carné en marzo grazas ás accións organizadas polo concello.

3 de abril de 2013 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.