Preto de 180 alumnos do Instituto de Mos participaron nun obradoiro sobre sexualidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informou hoxe de que un total de 174 alumnos e alumnas do IES de Mos foron os beneficiarios dos obradoiros sobre sexualidade desenvolvidos no marco do programa “Ciclo de vida adolescente”.

Ditos obradoiros, impartidos ós estudiantes de 3º e 4º cursos da E.S.O. do Instituto mosense durante as xornadas de hoxe e o pasado luns, día 8 de abril, contaron como ponentes con Eduardo Yáñez González, xefe de sección do Centro de Orientación Familiar de Vigo, e María Ascensión Fraga Fernández, psicóloga tamén do COF de Vigo. O obradoiro do día 8 levou por título “Sexualidade e anticoncepción”, mentres que o de hoxe titulouse “Sexualidade e adolescencia”.

Esta iniciativa, segundo explicou Monzón, desenvolveuse para complementar os recursos escolares e académicos en tempo lectivo e horario escolar, e programouse en colaboración estreita co centro educativo.

Os centros educativos constitúen espazos de socialización esenciais no desenvolvemento integral de alumnos e alumnas. O período escolar é unha das etapas máis significativas na vida das persoas, onde transcorren moitas das experiencias que repercuten directa e indirectamente na formación da personalidade. O centro escolar é testemuña e axente implicado na evolución e cambios que se producen no alumnado, non só na transición de etapas vitais (neno/a, adolescente, adulto/a), senón da construcción dunha identidade e personalidade propia.

Enmarcada nas materias de carácter transversal, áchase a educación para a saúde, e como área incluída na saúde, esta formación sobre sexualidade impartida no IES de Mos contribúe ó traballo das familias na formación integral das rapazas e dos rapaces.

“Polo xeral os docentes de Mos demandan profesionais especializados nas materias ás que se refire esta proposta formativa, de cara á elaboración e implementación de intervencións específicas, deseñadas dende unha perspectiva técnica e científica; de ahí que dende o Concello se decidise organizar esta actividade que resultou ter tan boa acollida”, declarou a edil responsable da mesma.

15 de abril de 2013 | 15:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.