Presentados 46 traballos ao IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O Concello de Carballo ten recibido -unha vez finalizado o prazo de presentación o pasado xoves 11 de abril- un total de 46 traballos para o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Os membros do xurado comezarán a analizar e avaliar os diferentes traballos e, na última semana de abril ou na primeira de maio, xuntaranse na capital bergantiñá para elixir o artigo gañador. O xurado desta novena edición está composto por: Xurxo Chapela, xornalista carballés; Belén Puñal, xornalista carballesa; Carlos Callón, gañador da última edición do premio; Nel Vidal, como representante do Concello, secretario, sen voto. Os obxectivos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos doce medios colaboradores coa iniciativa. Nas oito edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón. O gañador ou gañadora desta edición darase a coñecer en maio.

Así mesmo, e no eido da normalización lingüística, hai que lembrar que a campaña “Gústame o galego” volve a Carballo, agora ao IES Alfredo Brañas, o martes 16 de abril de 10.00 a 13.00 horas. “Gústame… que non me traduzan o café con leite”. “Gústame… que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño”. “Gústame… o galego ata no carné de identidade”. “Gústame… como empezan a falar galego @s pequerrech@s”. Estas son algunhas das suxestivas frases coas que o alumnado e profesorado dos IES Alfredo Brañas se poderán retratar para dicir que lles gusta o galego tan só despois de que a semana pasada o puideran facer no IES Parga Pondal (na imaxe). “Gústame o galego” é unha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normaliza­ción lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situa­cións. Os obxectivos desta acción son visibilizar e difundir o apoio de persoas a nivel individual ao proceso de normalización lingüística, favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego, provocar unha mínima reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en todos os ámbitos, e facéndoas visibles a través de persoas concretas.

Todas as fotos que se sacan nos diversos lugares por onde vai pasando a campaña son difundidas despois nas redes sociais, e pódense ver no enderezo <www.gustame.gl>. Tamén se pode ver un pequeno vídeo sobre a campaña en Youtube. Nesta optimista, enérxica e exitosa campaña que chega a Carballo xa participaron nos diversos lugares nos que estivo máis de 1.000 persoas a nivel individual, tanto anónimas como coñecidas, como por exemplo Luís Tosar, Luís Iglesia, Yolanda Castaño, Tonhito de Poi, Mónica Caamaño, Rubén Riós, Manuel Rivas, Touriñán, Federico Pérez, Comba Campoi, etc. A campaña está desenvolvida pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e para a súa visita a Carballo conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Antes de chegar á capital de Bergantiños pasou por Pontevedra, Silleda, Carnota, Vigo, Ourense ou Santiago, e nas próximas semanas estará por Ames, A Coruña, Ferrol, Moaña, Narón, Burela, etc.

15 de abril de 2013 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.