Presentadas 1.923 alegacións ao PXOM carballés, das que 1.400 se referiren ao rural

Xuntanza da Comisión de Urbanismo
A Comisión informativa de Urbanismo vén de manter a súa primeira xuntanza dende que rematara o período de exposición pública de dous meses do documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. Durante a reunión coñeceuse o número exacto de alegacións presentadas, 1.923, das que a ampla maioría, un total de 1.400 (máis do 70 por cento do total), refírense ao medio rural do municipio; 378 a solo urbano; 69 a solo urbanizable; 66 están clasificadas como “varios”; e 3 refírense a solo rústico. O equipo redactor está nestes momentos traballando na clasificación das alegacións, tendo sido procesadas ata o momento 1.004. Unha vez que teñan sido todas procesadas e rigorosamente revisadas polos técnicos, comezará o estudo pormenorizado de cada unha delas. Segundo explica o equipo redactor, está previsto que estean todas clasificadas a finais do mes de abril, de tal xeito que a próxima xuntanza da Comisión de Urbanismo, na que se falará do contido e da natureza de cada unha das alegacións, poida ter lugar a mediados do mes de maio. A partir de entón será cando se estableza un calendario para tentar resolver as alegacións o antes posible. Unha das propostas baralladas onte era comezar a resolver empezando polas reclamacións referidas ás parroquias, aínda que o sistema concretarase máis adiante.
Ademais de falar do futuro, durante a xuntanza da comisión, de máis de dúas horas de duración, debatéronse varios aspectos do proceso para tentar chegar a acordos de mínimos entre todos os grupos da corporación e co equipo redactor. Así, finalmente houbo unanimidade para apoiar as propostas acerca dos fondos edificables elaboradas pola Oficina Técnica e o equipo redactor a primeiros de marzo e que pretenden reducir o máis posible o número de edificios que quedarían fóra de ordenación unha vez que o PXOM reciba a aprobación definitiva. Así, debido á diferenza existente entre os fondos edificables (distancia máxima entre a fachada do inmoble e a parte posterior) permitidos tanto polas normas subsidiarias dos anos 80 como polo PXOM aprobado en 2003 e os fondos autorizados polo planeamento que está en proceso de aprobación, un certo número de vivendas do casco urbano quedarían fóra da ordenación, unha situación que debe ser regulada. Así mesmo, houbo acordo durante a comisión á hora de establecer aquilo que está fóra da ordenación na súa totalidade e do que está fóra da ordenación parcialmente. Porén, haberá que ir concretando máis no futuro, especialmente no que respecta á exclusión parcial motivada polas alturas dos edificios.
Por último, a xuntanza da Comisión de Urbanismo tamén supuxo a realización dun balance dos meses de exposición pública do documento Durante este período contabilizáronse 5.473 visitas de 2.704 persoas distintas na páxina web municipal www.carballo.org na que estivo dispoñible o documento, pero ademais quedaron rexistradas 217 consultas co equipo redactor no recinto Fórum Carballo, onde atendían ao público interesado mediante cita previa, nas tardes dos xoves. Hai que engadir que o número de visitantes para examinar o documento durante a exposición pública no Fórum coa axuda dos técnicos municipais foi moi elevado, ademais das arredor de 1.100 persoas que se informaron a través de xuntanzas nos centros sociais das distintas parroquias.











