“Por unha Salvaterra Limpa” prohibe a colocación de carteis nas vías públicas
Debido a proliferación e a colocación indiscriminada de carteis que acaban no chan ensuciando as vías públicas o Concello de Salvaterra de Miño ven de aprobar unha ordenanza onde se regula a colocación dos mesmos, co obxecto de manter as condicións de limpeza e pulcritude.
Desta forma prohíbese colocar carteis e realizar inscricións ou pintadas en paredes, muros, fachadas, farolas, valados, papeleiras e noutros elementos das vías públicas non instalados con esta finalidade. Tamén queda prohibido rasgar, luxar ou arrincar aqueles carteis ou anuncios situados nos lugares ou localizacións autorizadas ao efecto, así como a colocación de vallas publicitarias, pancartas, banderolas, lonas por ornato e estética no Casco Urbano, sendo responsable a empresa anunciadora.
Co slogan “Salvaterra Limpa” en todas as entradas do Casco Urbano da Vila infórmase a todos os veciños, veciñas e visitantes desta campaña que busca manter as nosas rúas e fachadas limpas, ao mesmo tempo que concienciar a todos e todas da importancia que ten manter o noso pobo limpo.











