Pontevedra mantén a súa achega ao Fondo Galego de Cooperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O Pazo de Mugartegui acollerá o vindeiro luns, 22 de abril, a partir das 20.30 horas a proxección do audiovisual “15 anos comprometéndonos coa solidariedade” do Fondo Galego de Cooperación e de Agareso. O documental foi presentado esta mañá pola concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, dado que o Concello colabora económicamente co Fondo cunha contía de 15.000 euros.

Carmen Fouces explicou a importancia de que as administracións que participan do Fondo manteñan as súas contribucións para seguir mantendo o traballo de 15 anos do Fondo Galego de Cooperación polos excelentes resultados durante todo este tempo durante o que se fixeron 142 proxectos en máis de 25 países.

Fouces agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación que escolla Pontevedra para o estreo do documental en Galicia, no que se resume o traballo destes 15 anos de existencia do Fondo.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Dentro das accións realizadas polo Concello de Pontevedra nos últimos anos, traballouse o tema da cooperación a través dos IES da cidade, grazas as exposicións como A Paz Cuestión de Fondo ou Influír no global desde o local: As entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto, que tiveron unha grande acollida pola comunidade educativa.

Tamén se colocaron as exposicións Os obxectivos do Milenio (2000-2015) e a Auga con Fronteiras, en dependencias municipais, para que toda a cidadanía coñecera os problemas cos que se enfrontan cada día millares de persoas.

Contamos con espectáculos, como Contos coas mans abertas, por mor da celebración o 17 de outubro do Día Mundial contra a Pobreza ou Antía, Wamba e o regato pequeno para conmemorar o 20 de novembro o día dos dereitos do neno/a.

Por todo iso este concello decide, a pesar da situación económica, continuar cos súa achega anual de 15.000 euros cos que o Fondo ten liñas de traballo no exterior como os proxectos de Nicaragua, Cabo Verde ou Haití. Ademais da contía de 15.000 euros, no ano 2011 fíxose unha achega extraordinaria de 11.000 euros para traballar na Rehabilitación das casas de Eito II no Lugar de Lombo Comprido en Cabo Verde. Reparáronse fachadas, construíronse cuartos de baño, fíxose unha drenaxe de auga, empedrado de rúas, recuperación de espazos verdes e sensibilización ambiental.

19 de abril de 2013 | 15:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.